Site icon Crónica3.com A Mariña

Arrinca o Antroido en Burela cun taller de maquillaxe e máscaras

Nota de prensa

CUN TALLER DE MAQUILLAXE E MÁSCARAS ARRINCA O VINDEIRO DOMINGO O ANTROIDO EN BURELA. O CONCELLO REPARTIRÁ 3.000 EUROS EN PREMIOS NO DESFILE DO 8 DE MARZO.

Burela, 24 de febreiro de 2011. Cun taller de maquillaxe e máscaras arrinca o vindeiro domingo o antroido en Burela, segundo ven de anunciar a concelleira de Cultura, Neves Cando.

A edil nacionalista explicou esta mañá que “este domingo, 27 de febreiro, comeza o antroido en Burela cun taller de maquillaxe, máscaras e disfraces, organizado pola sociedade cultural Ledicia e dirixido a todos os nenos e nenas de Burela que queiran aprender a prepararse para o antroido. Terá lugar de cinco a oito da tarde no local social de Ledicia”.

Neves Cando dixo que “despois continuaremos os días 3 e 4 de marzo cun obradoiro de doces de antroido impartido pola asociación de amas de casa de Burela e que se desenvolverá no seu local durante a tarde desas dúas xornadas. Trátase de aprender a preparar rosquillas, orellas, filloas e buñuelos e está dirixido a todos os públicos, desde os máis pequenos ata os maiores que queiran aprender a cociñar estas delicias do antroido”. Os interesados en participar nesta cita deberán anotarse no Concello.

A concelleira de Cultura engadiu que “ese mesmo venres, 4 de marzo, haberá a partires das dez da noite unha cea-baile organizada pola comisión das festas patronais de Burela. O domingo 6 é o día adicado aos nosos maiores, que poderán disfrutar dunha chocolatada durante o baile que se desenvolve na antiga praza de abastos. O luns 7 a partires das nove da noite haberá un percorrido polas nosas rúas das charandas de Burela, A Pataqueirada e O mellor da cada casa e a continuación verbena na praza da Mariña a cargo da orquestra Océano”.

O martes, 8 de marzo, é o día grande do antroido en Burela, “é o día do desfile que desde as cinco e media da tarde percorrerá as rúas da vila desde a rúa do Ril ata a praza da Mariña. Repartiremos coma todos estes anos 3.000 euros en premios entre as categorías infantil e adulto e pódese participar en carrozas, en grupos, en parellas ou de maneira individual. E xa remataremos o mércores 9 de marzo co enterro da sardiña, a comitiva fúnebre sairá do Campón ás oito e media da tarde e rematará o seu percorrido na praia do Portelo”.

Cando lembrou que “este ano por primeira vez todos estes actos do antroido serán anunciados nun cartel elaborado por tres rapazas de Burela, que resultaron gañadoras da votación popular que se levou a cabo entre todos os carteis presentados ao concurso que convocamos a tal efecto”.

Exit mobile version