Site icon Crónica3.com A Mariña

Apoio directo para o medio rural

Apoio directo para o medio rural

Dende a Deputación, malia que non temos competencias en medio rural, xa que esta é unha cuestión que lle atinxe á Xunta de Galicia, sempre defendemos que o campo ten que estar presente na axenda diaria de todas as administracións. Por iso, dende o INLUDES aprobamos un novo plan de axudas co melloraremos o calidade de vida no rural e impulsaremos o sector primario.

Fronte a isto, o Presidente do goberno autonómico so fai ampararse na falsa austeridade para deixar de facer cousas. Ós feitos e ás cifras me remito: o medio rural perdeu este ano 136 millóns de euros. Trátase dos fondos europeos do Programa de Desenvolvemento Rural que destina a Consellería para melloras produtivas, infraestruturas e servizos que melloren a calidade de vida no campo e impidan o despoboamento. Neste caso, a Xunta negouse a investir 23 millóns de euros que debía aportar con fondos propios e isto tivo unha consecuencia: que os gandeiros e agricultores teñan bloqueadas unhas axudas para 2011 valoradas en 136 millóns de euros.

Se a isto lle engadimos que a Xunta recortou nun 21% o presuposto da Consellería vemos que apenas en 2 anos Feijóo está acabando totalmente co rural. Para paliar esta situación, na Deputación impulsamos este plan de axudas que non ten precedentes na provincia e do que se poderán beneficiarse calquera asociación de veciños, e agrupacións de gandeiros de 3 persoas como mínimo. Poderán facer a súa solicitude ata o 8 de marzo.

Deste xeito, conseguiremos mellorar a calidade de vida no medio rural e facer máis competitivas as explotacións gandeiras. Precisamente, para facer que estas sexan máis rendibles, estas axudas destinaranse ó acondicionamento dos accesos ás explotacións, á mellora saneamento dos núcleos rurais, dotándoos de equipamento e servizos básicos que ata o de agora non dispoñían deles como a construción de bebedoiros para animais ou a instalación de sumidoiros onde non hai nestes momentos, etc.

Ademais, tamén frearemos o despoboamento poboacional, xa que se conseguimos que os cidadáns teñan máis servizos, estamos asegurando o relevo xeracional das explotacións e que os mozos da provincia non abandonen o rural. Asimesmo, crearemos novos postos de traballo. Detrás de cada obra que executaremos con estas axudas que aprobamos onte vai haber unha nómina. Realizaranse unhas 100, nas que como mínimo traballarán 300 persoas.

En definitiva, a Deputación non está para competir cos gandeiros senón para axudarlles a ser máis competitivos e evitar que cada vez máis xente marche do rural. Senón fose pola Deputación habería máis paro na provincia e o rural quedaría totalmente desamparado.

Lara Méndez

Vicepresidenta Segunda da Deputación

Exit mobile version