Site icon Crónica3.com A Mariña

Ao PP non lle gusta como utiliza a Deputación o plan Lugo Emprega

Nota de prensa:
Barreiro acusa a Besteiro de utilizar o Lugo Emprega para colocar “os amigos” do Partido Socialista e do BNG

* O voceiro dos populares na Deputación asegurou hoxe en rolda de prensa que constataron moitas irregularidades na selección dos beneficiarios do plan de emprego provincial, “que viñeron a confirman as nosas sospeitas”

* Explicou que os plans de promoción do emprego da Xunta, ó contrario do da institución provincial, dan estabilidade e continuidade ó emprego que xeneran

Lugo, a 25 de febreiro de 2011.- O emprego constitúe unha das principais fontes de preocupación da cidadanía e tamén das institucións. Algo que, ó entender do Partido Popular, é unha obviedade dado o contexto económico actual e a elevada taxa de paro rexistrado. O xeito de afrontar este problema dende as distintas administracións é nembargantes e ó entender dos populares onde xurden as discrepancias.

Así, dende o PPdeLugo o seu presidente e voceiro do grupo provincial reiterou hoxe as súas críticas ó Plan Emprega posto en marcha pola Deputación, recalcando que, ademais de atentar contra autonomía municipal ó quitarlle ós concellos de menos de 5.000 habitantes a capacidade de asumir a realización do proceso de selección dos traballadores, otorgando, por tanto, un trato diferencial entre uns municipios e outros, non persegue a creación de emprego estable e busca, dado o momento no que se pon en marcha, un rédito electoral. “O que sospeitamos cando se anunciou o plan, confírmase agora, rematado o proceso de selección”, apuntillou.

Así, segundo puxo de manifesto, nos procesos de selección dos 711 aspirantes a ocupar un dos postos incluidos no Lugo Emprega detectáronse “unha vez máis e como xa é frecuente nos procesos de selección de traballadores que realiza a institución provincial”, moitas irregularidades.

“En xeral”, explicou Barreiro, “as persoas seleccionadas son principalmente afins ó PSOE pero tamén o BNG”. Barreiro puxo algúns exemplos desta “curiosa” circunstancia: en Lourenzá resultou seleccionado un ex concelleiro socialista; en Bóveda, o secretario local dos socialistas; en Carballedo tamén pasaron a criba cargos do PSOE, ademais de familiares de dirixentes deste partido, casos similares tamén se constataron en Trabada, onde foi seleccionadoa a irmá dun concelleiro socialista que nen sequera reside neste municipio; no concello de Quiroga o irmán dun concelleiro do BNG …

A ENTREVISTA, DETERMINANTE

Segundo asegurou, “outra vez” voltou a empregarse a entrevista persoal para “colocar a quen interesaba e descartar a quen non”. “Aspirantes que sacaron a mellor nota nas probas escritas, obtiveron valoracións moi baixas nas entrevistas persoais”, explicou.

O líder dos populares lucenses argumentou ós seus reparos á política de emprego desenvolvida pola institución provincial facendo paralelismos coas iniciativas desenvolvidas neste eido pola Xunta. Así, recalcou que a administración galega establece todos os anos, e enfatizou o feito de que sexa todos os anos, un plan de cooperación coas entidades locais e mesmo a posta en marcha de obradoiros de emprego e de escolas obradoiro que o pasado ano supuxeron a creación de 1.514 postos de traballo, dos que, entre outros cometidos, 620 corresponderon a obradoiros de emprego e escolas obradoiro e 645 a plans de cooperación cos concellos.

O popular puntualizou que a selección e contratación destes traballadores realizana directamente os respectivos concellos, que a meirande parte dos contratos teñen unha duración superior ós seis meses e que o feito de que sean plans que se desenvolven todos os anos imprime continuidade á iniciativa.

INTERESE PARTIDISTA

“Cal é o resumo que podemos sacar de todo isto?”, preguntouse Barreiro, pois que “José Ramón Gómez Besteiro emprega todos os recursos da Deputación en beneficio propio, buscando sempre o rédito electoral, despreocupándose de resolver os problemas e carencias que ten a provincia e os seus habitantes.

Barreiro lamentou que Besteiro opte por seguir ó pe da letra o modelo Zapatero de utilizar o drama das persoas que non atopan emprego, “por culpa da mala xestión e das políticas erróneas aplicadas polo propio goberno central” explicitou, para tentar de arañar algún tipo de beneficio electoral.

Exit mobile version