Site icon Crónica3.com A Mariña

Amor e poesía

A Biblioteca Pública de Foz ven a organizar, dende hai algúns anos, co gallo de celebrarse o San Valentín, ou Día dos Namorados (14 de febreiro), un concurso de poemas co fin, supoñemos, de estimular a creatividade poética; e ningún tema mellor que o do amor (“el amor fue el inventor de los poemas”, dixo Lope de Vega), para que afloren as posibles aptitudes persoais para a lírica.

A definición mais axeitada da poesía acaso sexa aquela que se corresponde coa “arte de expresar a beleza e o sentimento estético por medio da palabra, en verso ou en prosa”, aínda que Bécquer expresouna de xeito mais romántico: “¿Qué es poesía, dices /mientras clavas en mi pupila tu pupila azul? / ¿Qué es `poesía? ¿Y tú me lo preguntas? / Poesía eres tú!”.

Antigamente a poesía foi escrita para ser cantada; e unha característica da mesma é o ritmo e a musicalidade: por iso, ámbalas dúas – música e poesía –marchan tan unidas que a segunda represéntase por unha lira, que é instrumento musical. Para lograr esta cadencia nas composicións escríbese respectando a métrica, a rima e o ritmo, de aí que se coide especialmente a selección das palabras, o son e a medida; unha arte que ven cultivándose dende os afastados tempos do Mester de Clerecía.

O concurso de poemas que promove a Biblioteca Pública ten un sinalado éxito e nel participan xentes de toda a provincia, de ámbolos sexos e mesmo dun amplo abano de idades.

Como curiosidade sinalemos que, no seu conxunto, a participación feminina ven sendo moi superior á masculina, como adoita suceder en toda actividade de tipo intelectual, social ou artística. É significativo, sen embargo, que a diferencia de sexos en participantes de idades superiores aos cincuenta anos é moi inferior á que se produce entre as xentes en idades mozas: as femias superan, con moito, a participación do sexo contrario. Descoñecemos as razóns desta abstención masculina entre a mocidade, e preguntamos ¿será que na sociedade actual, tan convulsa, en boa medida depredadora dos valores tradicionais, o amor está deixando de ser cousa de homes? Meigas fóra!

Suso Fernández

Exit mobile version