Site icon Crónica3.com A Mariña

Adxudicaron as obras de mellora da LU-862 de Viveiro ao Vicedo para comezar en marzo

Nota de prensa:
O DOG vén de publicar a adxudicación do proxecto, por preto de 5,3 millóns de euros

As obras do reforzo do firme na estrada que une o límite de provincia e Viveiro (LU-862) comezarán no vindeiro mes de marzo

*
As unidades de obra céntranse no estendido de mestura bituminosa en quente, drenaxe lonxitudinal e transversal, urbanización e colocación de sinalización
*
O departamento que dirixe Agustín Hernández, mediante a colaboración técnica e financeira neste tipo de obras, pretende dotar a comunidade galega dunha rede viaria que permita aos usuarios unha condución segura e eficaz
*
As actuacións de mellora, que terán un prazo de execución de 17 meses, beneficiarán a máis de 23.000 habitantes das poboacións de Mañón, Vicedo, Viveiro e Xove

Santiago, 24 de setembro de 2010.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a adxudicación das obras de reforzo do firme e mellora de interseccións na estrada que une o Límite de Provincia e a localidade de Viveiro (LU-862). A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Sociedade Pública de Investimentos (SPI), investirá 5,3 millóns de euros neste proxecto, que comezará o vindeiro mes de marzo.

O presente proxecto ten por fin primordial a xustificación e definición das obras que deben facerse para a mellora da seguridade vial na citada estrada, concretamente no intervalo comprendido entre os puntos quilométricos (pq) 69+360 ao 89+580. Deste xeito, a lonxitude do tramo obxecto das actuacións é de máis de 20 quilómetros.

Cómpre sinalar que a vía mellora en varios treitos a súa sección transversal, xa que se disporán carrís centrais nalgunhas interseccións e habilitaranse lugares para facer cambios de sentido. As obras previstas neste proxecto non implican a realización de expropiacións, polo que todas as solucións que se fagan estarán incluídas dentro da actual franxa de Dominio Público. Por este motivo, nos treitos nos que fose preciso ampliar a calzada a sección tipo axustarase ás dimensións desta franxa.

As unidades principais de obra centraranse na demolición de firme e explanada e o estendido de mestura bituminosa en quente. Tamén se levará a cabo a drenaxe lonxitudinal e transversal, a urbanización e reposición de servizos públicos. Ademais, o proxecto contempla a colocación de sinalización e balizamento.

O departamento que dirixe Agustín Hernández, mediante a colaboración técnica e financeira neste tipo de obras, pretende dotar a comunidade galega dunha rede viaria que permita aos usuarios unha condución segura e eficaz.

As actuacións de mellora, que terán un prazo de execución de 17 meses beneficiarán a máis de 23.000 habitantes das poboacións de Mañón, Vicedo, Viveiro e Xove.

Exit mobile version