Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA celebra o 2 de febreiro o Día Mundial dos Humidais

Nota de prensa:
Este 2 de febreiro celébrase o Día Mundial dos Humidais. A data conmemora a sinatura, hai 40 anos, na cidade iraniana de Ramsar, do Convenio Relativo de Humidais de Importancia internacional, no que se marcaron os obxectivos para a conservación e a xestión destes importantes ecosistemas. En Galiza esta celebración ven marcada por dúas fitas: malia sermos un dos países que maior número de humidais conservan do SW Europeo, o desinterese da Xunta pola conservación destes espazos queda patente ao estar só 5, dos máis de 1.100 humidais inventariados no país, incluídos na lista de humidais de importancia internacional. Porén, semella que son os colectivos ecoloxistas, no marco de proxectos estatais, os que estamos tomando iniciativas para conservar e mirar polos nosos humidais.

Máis aló do anunciado pero nunca executado Plano de Recuperación dos Humidais (2004) e do Inventario de Humidais Galegos (2007), a inacción da Xunta reflicte ben ás claras o esquecemento e o desleixo da administración por conservar estes valiosísimos ecosistemas.

Alén disto, a desastrosa xestión das nosas zonas húmidas, exemplificada nos atentados ecolóxicos sufridos por 2 dos 5 Humidais RAMSAR galegos, quer o baleirado da lagoa da Frouxeira, enValdoviño, e a praia artificial e porto na ría de Ortigueira, non só non está a millorar a situación dos humidais senón que provoca que arestora, a Xunta sexa a principal responsábel da degradación destes espazos.

O manexo inadecuado destes ecosistemas provocou en moitos casos ao sangrado, entullado, desecamento e destrucción de moitos humidais galegos, como as desaparecidas lagoa de Pantín (Valdoviño) e Corme, as maltreitas turbeiras do Xistral, arrasadas polos eólicos, a situación crítica das Gándaras de Budiño, alén do baleirado da Frouxeira e os recheos en Ortigueira. Para que estas situacións non se volten a repetir é preciso o cumprimento estrito da lexislación ambiental que protexe aos humidais (Directiva Hábitats 92/43/CEE, Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, Decreto 127/2008 dos Humidais Protexidos de Galiza…), alén do alongamento da curta lista de humidais protexidos. Estas leis obrigan ás administracións responsábeis non só a conservación e mantemento destes ecosistemas, senón tamén, de ser o caso, a súa restauración. O flamante POL (Plano de Ordenamento do Litoral) tampouco garante que mesmo os humidais costeiros máis sensíbeis e coa máxima categoría de protección estean libres de aproveitamentos “compatíbeis”: macropiscifatorías (Touriñán), parques eólicos (Costa da Morte, Serra da Groba…), portos deportivos e outras infraestruturas. É así como a Xunta pretende protexer estes espazos?

Semella que somos os colectivos ecoloxistas os que, asumindo as funcións que abandona a Xunta, seguimos na teima de conservar os nosos humidais. Por iso, este 2 de febreiro, Día Internacional dos Humidais, máis de 40 voluntarios/as e voluntarias de ADEGA ímonos mollar polos humidais, desenvolvendo, coa colaboración do CEHUM e a Fundación Biodiversidade, labores de conservación na contorna las lagoas litorais de Xuño e Muro (Porto do Son).

Exit mobile version