Nota de prensa:
O presidente galego visitou o Parque de Bombeiros de Vilalba, un dos cinco do Consorcio Provincial de Lugo que, cun investimento de 10 millóns –metade Xunta metade Deputación-, abranguen ao 90% da poboación e ao 70% territorio lucense
FEIJÓO RESALTA O COMPROMISO DA XUNTA DE “SEGUIR APOIANDO AOS CONCELLOS” CO MANTEMENTO DO FONDO DE COOPERACIÓN LOCAL, A CREACIÓN DO DE COMPENSACIÓN AMBIENTAL E A BLINDAXE DO PLAN CONCERTADO
* Salienta que as administracións locais recibirán 50 millóns en dous anos polos impostos que pagan as empresas que instalan aeroxeneradores
* Destaca o incremento do 20% nos Plans de Cooperación para contratar persoal de socorrismo e Grumir e que, por primeira vez, os concellos poderán cobrar no primeiro semestre do ano os 47 millóns do Plan Concertado de servizos sociais
* “Entendemos que Galicia é un todo, unha unidade, e deste xeito as administracións públicas temos que actuar, coa unidade que o pobo nos require sempre, e agora aínda máis”, remarca
Vilalba, 28 de febreiro de 2011.- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe, durante a súa visita ao Parque de Bombeiros de Vilalba, por “seguir sumando e traballando a prol dos concellos”. “Non están nun momento fácil –explicou-, ningunha administración o está, pero os concellos de forma especial. E por iso, ese compromiso de apoiar ás administracións máis débiles, ás administracións máis próximas aos cidadáns, segue vixente e seguirá vixente durante os próximos anos”.
En primeiro lugar, destacou o presidente galego, mantendo o Fondo de Cooperación Local a pesar da diminución dos presupostos da Xunta nun 11%, e creando o Fondo de Compensación Ambiental que, a través da achega das empresas que instalan aeroxeneradores, suporá 50 millóns para os concellos en dous anos.
Feijóo salientou que o Goberno galego incrementou nun 20% o orzamento dos Plans de Cooperación para contratar persoal de socorrismo ou Grumir, e blindou a partida de 47 millóns de euros para o Plan Concertado de prestación de servizos sociais a través dos concellos. Así mesmo, o presidente da Xunta subliñou que, por primeira vez, o Goberno galego anticipa para o primeiro semestre do ano a percepción desta achega.
“En definitiva, imos seguir traballando porque entendemos que Galicia é un todo, unha unidade, e deste xeito as administracións públicas temos que actuar, coa unidade que o pobo nos require sempre, e agora aínda máis”, remarcou Feijóo.
Os consorcios, un sistema eficiente e eficaz
O presidente galego enmarcou a posta en marcha do novo Parque de Bombeiros de Vilalba como outra mostra do esforzo das administracións públicas por sumar as súas capacidades. “Por fin temos un sistema eficiente e eficaz e un sistema que abrangue a toda a poboación de Lugo”, afirmou en referencia ao Consorcio Provincial do que forma parte o parque da capital da Terra Cha.
Neste sentido, Feijóo explicou que primeiro foi a provincia da Coruña a que formou o seu Consorcio, despois Lugo e, hai só unhas semanas, o conselleiro de Presidencia anunciou a posta en marcha do de Pontevedra. “So nos queda o de Ourense e eu espero nesta lexislatura poder conseguir o sono de ter catro consorcios para as catro provincias”, engadiu.
Sobre o de Lugo, remarcou que os parques de bombeiros incluídos no Consorcio provincial –Vilalba, Barreiros, Chantada, Sarria e Viveiro- supoñen cubrir o 90% da poboación e o 70% do territorio, e conseguir un tempo de resposta máximo de 20 minutos; todo grazas a un investimento de 10 millóns de euros que achegan ao 50% Xunta e Deputación.