Nota de prensa
A XUNTA POSIBILITA A MELLORA DA ELECTRIFICACIÓN DE NÚCLEOS RURAIS DE XOVE PARTICIPANDO CUN INVESTIMENTO DE 218.000 EUROS
* A delegada territorial, Raquel Arias, entregou hoxe a acta de posta en servizo da infraestrutura que abastece a Penas Agudas, que era a última localidade pendente do reforzo
Lugo, 9 de febreiro de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, entregou hoxe a acta de posta en servizo da mellora da electrificación de Penas Agudas, no Concello de Xove, co que se completa o proceso de mellora da electrificación en todo o municipio.
Raquel Arias referiuse as xestións realizadas coa empresa Begasa, responsable da subministración, para imprimir dilixencia a esta actuación, coa que culmina un proxecto máis amplo que tivo como beneficiarios aos núcleos de Gondar, Casal de Conde e Vilariño. A intervención supuxo un investimento total de máis de 218.000 euros e conclúe os traballos de mellora na electrificación do Concello de Xove.
A Xunta axilizou a actuación en Penas Agudas achegando para esta localidade un orzamento concreto de 80.000 euros, co obxectivo de non retrasar aínda máis a incorporación dos veciños e veciñas ao novo servizo, xa que era o último núcleo do Concello de Xove no que estaba pendente o reforzo da electrificación.
A delegada territorial destacou “a importante rendibilidade social” deste tipo de investimentos no medio rural, “porque axudan a corrixir o claro desequilibrio existente respecto da dotación de servizos nos grandes núcleos urbanos”.
Así, detallou que mediante esta actuación resultaron directamente beneficiadas 36 familias da zona; en concreto, 13 en Gondar, 10 entre Casal de Conde e Vilariño, e 13 en Penas Agudas.
A delegada estivo acompañada polo alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e o xerente de Begasa, Luis García Santalla, e agradeceu a cooperación de ambos neste proceso, que por fin garante aos veciños e veciñas unha potencia de enerxía eléctrica de 3,5 Qw.
A intervención precisou proxectar máis de quilómetro e medio de liñas de media tensión aérea, actuar sobre as liñas de baixa tensión e instalar tres centros de transformación.