Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta aprobou un plan para o financiamento de servizos municipais

Nota de prensa:
O CONSELLO APROBA O “PLAN CONCERTADO”, PARA O FINANCIAMENTO DOS SERVIZOS MUNICIPAIS E ANUNCIA UN ANTICIPO SUPERIOR AO 10% DAS SUBVENCIÓNS PARA AXUDAR AOS CONCELLOS

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde ao coñecido como “Plan Concertado”, que se ocupa de financiar os servizos sociais comunitarios dos concellos e do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes, e que inclúe tamén o Plan de desenvolvemento xitano. En concreto, hoxe autorizouse que os concellos poidan dispoñer dun anticipo de ata o cen por cento co fin de facilitarlles a tesouraría suficiente.

En concreto, o financiamento destínase a: gastos correntes de retribución do persoal municipal que desenvolve os servizos sociais; gastos derivados da prestación do servizo municipal de axuda no fogar (tanto para persoas valoradas como dependentes como para outras situacións de necesidade); e a gastos derivados da xestión e execución doutros programas sociais, como pode ser o de desenvolvemento do pobo xitano.

Ademais, este ano o plan presenta unha novidade de relevancia. Por primeira vez – desde o ano 1988, que se empezou a tramitar esta convocatoria anual de subvencións- os concellos disporán dunha aplicación informática, en soporte web, para facilitar a elaboración dos formularios de solicitude. Estará dispoñible no apartado de recursos do portal de Benestar http://benestar.xunta.es.

Esta ferramenta web responde á necesidade de axilizar o procedemento, especialmente tendo en conta que moitos dos erros que había que depurar logo de presentar a documentación, eran de carácter numérico. Isto xeraba atrasos á hora de poder resolver e, polo tanto, de abonar as cantidades asignadas aos concellos.

Por iso se deseñouse esta aplicación na cal se introducen os datos dunha única vez e na que os cálculos se realizan de xeito automatizado. Polo tanto, este instrumento permitirá unha correcta elaboración das solicitudes e axilizará o procedemento, ao diminuír, previsiblemente, o número de requirimentos de emenda que habería que enviar ás corporacións locais.

Está previsto que esta orde de subvencións saia publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a principios do mes de marzo. A partir desa data, os concellos disporán dun mes de prazo para presentar as súas solicitudes.

A continuación, analizaranse e valoraranse os proxectos presentados, polo que se considera que as primeiras resolución estean en xuño deste ano. A partir de aí – proximadamente aos 15 días de notificarse a resolución- os concellos poderán comezar a recibir o anticipo das subvencións concedida pola contía do cen por cento das subvencións.

Esta iniciativa inscríbese na aposta do Goberno galego por apoiar os servizos sociais comunitarios, xa que son a primeira porta de entrada ao sistema público de servizos sociais para moitas persoas. De feito, estímase que durante 2010 as persoas usuarias destes servizos superaron ás 620.000 persoas, aínda que non se trata dun dato definitivo.

Exit mobile version