Nota de prensa
A XUNTA ADIANTARÁ AOS CONCELLOS ATA UN 90% DAS SUBVENCIÓNS DO FONDO DE COMPENSACIÓN AMBIENTAL CORRESPONDENTE AO ANO 2011
Esta medida enmárcase nas medidas de apoio económico ás arcas municipais levadas a cabo polo Goberno autonómico
As axudas serán para a realización de actividades destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial
O Consello da Xunta aprobou hoxe a orde que regula os criterios de repartición e a convocatoria de subvencións aos concellos galegos, polo Fondo de Compensación Ambiental (FCA), na cal a principal novidade é que os concellos poderán solicitar o pagamento anticipado de ata o 90% da subvención concedida.
Con esta medida, a Xunta de Galicia continúa fomentando o apoio económico aos concellos galegos nun momento marcado polas dificultades económicas. A asignación do Fondo de Compensación Ambiental para 2011 será de máis de 11 millóns de euros, entre as axudas directas aos concellos e as destinadas á prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco.
O FCA, que está financiado cos ingresos obtidos do canon eólico, ten como finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial. Así, consideraranse subvencionables actuacións de recuperación de espazos ambientalmente degradados ou contaminados; proxectos de saneamento, redes de sumidoiros e abastecemento de augas; actividades destinadas á prevención de incendios forestais; ou proxectos de eficiencia enerxética, entre outros.
Segundo recolle a orde, convócanse subvencións en réxime de concorrencia competitiva e non competitiva para o ano 2011, para os concellos galegos, destinadas á realización de actuacións de investimento que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego. En concreto, inclúense dúas liñas de axudas diferenciadas.
A primeira das subvencións, de natureza non competitiva, está destinada a aqueles concellos cuxo territorio municipal se atope dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico, así como polos afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Pola súa banda, a segunda liña de axudas é de natureza competitiva para todos os concellos de Galicia.
Presentación de solicitudes
As entidades locais que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán unha solicitude oficial dirixida ao titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza na oficina de Rexistro Único e Información, nos rexistros das delegacións territoriais ou por calquera outro medio recollido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Todas as entidades locais peticionarias teñen que ter presentadas as súas contas relativas ao exercicio orzamentario 2009 no Consello de Contas de Galicia.
Igualmente, aqueles concellos que colaboren co portal Eido Local poderán presentar as súas solicitudes a través de medios telemáticos no enderezo http://www.eidolocal.es. O prazo para facer as solicitudes, impresas ou telemáticas, será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Criterios de avaliación e repartición
Na valoración das solicitudes presentadas polas entidades en concorrencia competitiva teranse en conta criterios como a necesidade das actuacións solicitadas, a dispersión da poboación, a solicitude para a adquisición de vehículos para a intervención en emerxencias, a presentación dunha programación de dinamización do concello, e a utilización do galego na realización das actividades para as cales se solicita a axuda.
As solicitudes e a súa correspondente documentación serán analizadas por unha comisión de valoración presidida polo director xeral de Administración Local, Norberto Uzal, e da cal formarán parte os delegados territoriais da Xunta de Galicia e o subdirector xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais; este último en calidade de secretario. Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase ao conselleiro de Presidencia, quen resolverá.