Nota de prensa:
NEVES CANDO CUALIFICA DE CARADURA E DE IRRESPONSABILIDADE POLÍTICA AO PORTAVOZ DO PP POLAS SÚAS ÚLTIMAS DECLARACIÓNS SOBRE UN PROCESO SELECTIVO QUE TIVO LUGAR NO CONCELLO E SOBRE A RECENTE SENTENZA A UN PUB DA VILA POR EXCESO DE RUIDOS.
Burela, 2 de febreiro de 2011. A tenente de alcalde, Neves Cando, tilda de caradura e de irresponsabilidade política ao portavoz do PP polas últimas declaracións realizadas sobre un proceso selectivo que tivo lugar no Concello e sobre a recente sentenza a un pub de Burela por exceso de ruidos. A edil nacionalista lémbralle a González Barcia que as dúas únicas reclamacións xudiciais que se presentaron en materia de selección de persoal foron resoltas a favor do Concello de Burela.
Cando cualificou “de caradura e irresponbilidade política as últimas declaracións do portavoz do PP de Burela sobre dous asuntos moi concretos. Un é proceso selectivo para unha praza de administrativo no Concello e a aparición dunhas octavillas claramente difamatorias sobre dito proceso. Si o PP cre que houbo irregularidades a súa obriga é denuncialas, si o PP ten indicios de quen foi o autor ou autores desas octavillas calumniosas a súa obriga é denuncialo ou será cómplice dos feitos. Xa que o PP se considera o defensor do pobo que actúe se tan seguro está das acusacións e deixe de sementar dúbidas coas súas continuas mentiras porque, se non o sabe o PP, as dúas únicas reclamacións xudiciais que en materia de selección de persoal se presentaron foron resoltas a favor do Concello noutras ocasións, a pesares de que o PP sempre dicía que había irregularidades. Pois non, as sentenzas aí están para quen as queira ver e o PP sábeo, pero non lle interesa dicir a verdade”.
A tenente de alcalde engadiu que “o segundo tema sobre o que o PP de Burela demostra a súa caradura e irresponsabilidade política é a recente sentenza sobre un pub do noso pobo e as declaracións que sobre este asunto fai o portavoz popular. Decirlle señor González Barcia que asumir responsabilidades é aplicar a lei e iso é o que fixo o actual grupo de goberno desde o ano 2007. ¿Pode decir o mesmo o señor González Barcia cando foi alcalde? Él fixo deixadez de responsabilidades mirando cara outro lado ante as continuas denuncias dunha veciña desde o ano 2005, chegando incluso a exercer de pinchadiscos neste local na anterior campaña das municipais, que todo o mundo o sabe”. Neves Cando manifestou que “o PP fixo sí unha normativa reguladora dos ruidos e dos acondicionamentos dos negocios, pero non a fixo cumprir e por iso se chegou á situación á que se chegou cunha sentenza polo penal contra un pub de Burela que nós, como xa dixemos no seu momento, lamentamos profundamente pola gravidade da mesma, pero na que o señor González Barcia, como anterior alcalde que permitiu coa súa pasividade que a situación se compricase tanto, tamén é responsable político do ocorrido. E isa é a verdade mal que lles pese a algúns”.