Nota de prensa
A DELEGACIÓN DE MEDIO AMBIENTE ORGANIZA UN NOVO CURSO DE CONDUCIÓN EFICIENTE.
Burela, 9 de febreiro de 2011. A Delegación de Medio Ambiente de Burela xunto coa Fundación Sotavento Galicia organizan o 24 de febreiro un novo curso de condución eficiente encamiñado a realizar un uso máis racional dos nosos vehículos.
A acción pedagóxica tratará de fomentar un novo estilo de condución dos vehículos turismos, co que se obteñen diminucións medias no consumo de combustible de até o 15 % sobre a condución convencional, mellorando ademais, a seguridade vial e o confort. A proposta, encádrase dentro das medidas de uso máis eficiente dos medios de transporte, no Plan de Acción 2008-2012 da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética en España (E4) que canaliza o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) a través do INEGA.
Segundo o IDAE, se todos os condutores e condutoras empregásemos as técnicas de condución económica, no noso país aforraríanse 2.555 millóns de litros de combustible, o que supón que poderían circular gratis 2,6 millóns de automóbiles e aforraríanse 2.134 millóns de euros cada ano (unha media de 136 euros por condutor). A isto hai que sumarlle os enormes beneficios medioambientais que pode supoñer realizar unha condución eficiente. Con iso lograríase unha redución das emisións de CO2 de 6,3 millóns de toneladas, equivalentes a plantar 48 millóns de árbores en España que ocuparían o 20% da superficie da provincia de Pontevedra ou o 45% da de Guipúscoa. A isto engádese o grave problema da contaminación acústica: o ruído provocado por un coche a 4.000 rpm, equivale ao de 32 vehículos a 2.000 rpm.
Segundo explican desde a Delegación de Medio Ambiente, “o obxectivo destes cursos, é realizar un uso máis racional do vehículo e ofrecer un novo estilo de condución para promover un cambio de actitude nos usuarios e usuarias. O curso vai dirixido a todos/as os/as condutores/as interesados/as en conducir de xeito eficiente e económico. Teñen en torno ás dúas horas de duración e ofrecen contidos teórico-prácticos”. O número de alumnos/as por vehículo será como máximo de catro. As roldas de condución serán realizadas por cada un dos catro alumnos do grupo, cunha duración aproximada de 15 minutos por persoa. O curso complétase coa entrega de material de apoio, no que se inclúe un manual de condución eficiente e un folleto informativo no que se explican os principais criterios e vantaxes da condución eficiente, así como un diploma acreditativo da participación no mesmo.
Os participantes deberán levar o día do curso orixinal e unha fotocopia do permiso de conducir. Os interesados poden inscribirse na oficina de Medio Ambiente do Concello ou chamando ao teléfono: 982 58 08 67.