Site icon Crónica3.com A Mariña

A rede de dinamización lingüística promovida pola Xunta “é una comedia para xustificar que fan algo polo galego”, asegura o BNG

Nota de prensa

A REDE DE DINAMIZACION LINGÜÍSTICA PROMOVIDA POLA SECRETARÍA XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA E UNHA COMEDIA PARA XUSTIFICAR QUE FAN ALGO POLO GALEGO

O goberno municipal cervense que empece por respectar os topónimos oficiais e a Lei de Normalización lingüística se quere ter algunha credibilidade

O PP tenta lexitimar a política da SXPL facendo ver que fan algo positivo mentres por outro lado eliminan o galego das aulas e perseguen a quen o usa con normalidade

Cervo, 9 de febreiro de 2011. O BNG acusou ao alcalde cervense de tentar lavar a cara do PP e do Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, sumándose á Rede de Dinamización Lingüística promovida pola SXPL que nin ten a pretensión de normalizar o uso do galego, nin promove o uso normalizado do noso idioma nos concellos, nin sequera ten orzamento para 2011, senón que trata de lexitimar a política da Secretaría Xeral con catro actividades en galego mentres por outra banda prohíbeno en determinadas materias do ensino, elimínano nas oposicións públicas e recortan o apoio para súa promoción e normalización. Os nacionalistas esixiron ademais ao goberno local que empece por acatar a Lei de Normalización Lingüística co uso dos topónimos oficiais se quere ter algunha credibilidade na promoción do uso do idioma galego.

O goberno local de cervense e o primeiro en incumprir a lexislación lingüística no uso dos topónimos

O BNG cualificou de “brinde ao sol” a reunión do alcalde cervense, Alfonso Villares, e o Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, para tratar a adhesión do Concello de Cervo á Rede de Dinamización Lingüística promovida polo seu departamento. Para os nacionalistas o que ten que facer a Xunta e promover o uso do galego e a súa normalización “non cantos de serea para xustificar que se fai algo mentres por outra banda atácase sen complexos o seu uso nas aulas, no acceso á función pública, ou na castelanización dos topónimos oficiais”. O portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa, acusou ao goberno municipal cervense de “dar patadas ao idioma galego constantemente, incumprindo a lexislación lingüística cos topónimos oficiais en carteis, actas, e felicitacións de Nadal, polo que non ten credibilidade ningunha quen debe empezar por cumprir unha lei aprobada democraticamente”.

A Secretaría Xeral non ten en conta nesta rede a participación do concellos e imporá sen consultar as súas decisións.

Os nacionalistas, aínda podendo compartir o espírito da rede, non entenden “como e posíbel a adhesión de concellos que nin usan o galego con normalidade, nin cumpren a lexislación lingüística e por riba, dende a Secretaría Xeral, premialos con dúas ou tres actuacións teatrais en galego para que o alcalde aplauda, iso si, en galego”. Estúa criticou que unha rede que pretende unificar concellos para definir unha planificación de fomento do uso do noso idioma, “non pode desprezar os servizos de normalización lingüística nos concellos onde os hai e actuar de xeito paternalista tomando decisións no nome de todos”.

A Rede de Dinamización Lingüística non conta con ningún orzamento para 2011.

Os orzamentos 2011 da Xunta de Galiza non contemplan un so euro para esta Rede e reducen drasticamente as axudas aos concellos para normalización lingüística, evitando deste xeito que os existan onde non o hai ou poñendo en dificultades a aqueles que queren mantelos. Para os nacionalistas o único que busca a Secretaría Xeral de Política Lingüística e xustificar a súa existencia con “actuacións para a galería”.

Exit mobile version