Nota de prensa:
A FEMP pon á Deputación de Lugo como exemplo do que deben ser as administracións provinciais en España
– A Secretaria da Federación Española de Municipios e Provincias felicita a Gómez Besteiro polo traballo realizado ó longo dos últimos catro anos na implantación da administración electrónica e en materia de infraestruturas
– O Presidente participa no acto de presentación do “Libro Verde: Los Gobiernos locales intermedios en España”, organizado pola Fundación Democracia e Goberno Local e celebrado en Madrid
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este luns no acto de presentación do “Libro Verde: Los Gobiernos locales intermedios en España”, organizado pola Fundación Democracia e Goberno Local e celebrado na Casa América, en Madrid. Durante o encontro, que estivo dirixido polo Presidente de dita Fundación e da institución provincial de Barcelona, Antonio Fogué, a Secretaria da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Isaura Leal, felicitou a Gómez Besteiro tanto polo traballo realizado ó longo dos últimos catro anos para a implantación da administración electrónica co Innova-TE –o programa máis ambicioso en tempo e prazos de Galicia, xa que garante a eadministración nos 51 Concellos adheridos antes do verán- como en materia de infraestruturas.
Ademais de ser a única distinción que fixo a unha institución provincial española durante a súa intervención, Leal subliñou que “por este motivo, la Diputación de Lugo es un ejemplo de lo que deben ser las administraciones provinciales en España”. Asimesmo, a Secretaria da FEMP puxo de relevo a necesidade de seguir mellorando as redes de cooperación cos Concellos para aumentar a produtividade e aforrar investimentos innecesarios.
Claves para aumentar a rendibilidade dos gobernos provinciais
O Libro Verde é unha diagnose sobre as Deputacións Provinciais e demais gobernos locais intermedios do Estado Autonómico que aporta unha serie de recomendacións para aumentar a rendibilidade dos gobernos provinciais. Deste xeito, configúrase como un instrumento sobre as perspectivas de futuro destas institucións e do resto de gobernos locais intermedios nacionais e como un medio para fortalecer a autonomía local e prestar mellores servizos ós cidadáns. Esta diagnose está acompañada dun decálogo de recomendacións que van dende a aposta por un espazo competencial e un sistema de financiamento propios ou a mellora dos procesos de xestión a través das tecnoloxías da información e da comunicación e a optimización de recursos.
No acto, que contou coa presenza dunhas 100 persoas, ademais dos Presidentes das Deputacións de Lugo e Barcelona, tamén participaron os responsables dos organismos provinciais de Coruña e Ourense, Salvador Moreda e José Luis Baltar, respectivamente, e numerosos responsables dos distintos gobernos intermedios, así como o Secretario de Estado de Política Territorial, Gaspar Zarrías Arévalo, e o Vicepresidente da Comisión de Deputacións da FEMP, Ramiro Ruiz Medrano.