Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación rematou en tres días a mellora das pistas da concentración de Alfoz

Nota de prensa

A Deputación mellora as pistas da concentración parcelaria de Alfoz en menos dunha semana

– A Vicepresidenta Segunda supervisa as obras de mellora que afectan a un treito de 2,7 quilómetros e se enmarcan dentro do convenio asinado coa Xunta de Galicia para repartir os treitos que cada administración debía mellorar

– Lara Méndez subliña que “nós cumprimos coa palabra dada ós veciños” e insta ó Executivo Galego a que actúe coa mesma celeridade para arranxar os 4,6 quilómetros que lle corresponden

– Polo que se refire á calidade dos materiais empregados, asegura que non darán o mesmo resultado, xa que os treitos arranxados pola Deputación levan aglomerado en quente e os da Xunta só rego asfáltico

– Esta actuación enmárcase dentro do esforzo inversor que está a facer a Deputación neste municipio da Mariña no que vai de mandato e que supera o millón de euros

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, supervisou este xoves as obras de asfaltado executadas polo organismo provincial nas pistas da concentración parcelaria do Concello de Alfoz, e que se enmarcan dentro do convenio de colaboración que foi asinado entre a institución provincial e a Xunta de Galicia para repartir os treitos que cada administración debía mellorar. Neste senso, segundo o acordo, a Deputación mellora 2,7 quilómetros e a administración autonómica 4,6.

Trala visita ás obras, Lara Méndez subliñou a celeridade coa que actuou o organismo provincial, xa que inmediatamente despois da sinatura do acordo, a principios do mes de febreiro, “iniciamos os traballos que quedaron rematados en só tres días. Pola contra, a Xunta, que sumaba dous anos coas obras paradas, leva xa máis de sete días traballando e a día de hoxe aínda non rematou. A este paso os máis de catro quilómetros que lle pertencen non se acabarán en meses”. A este respeto, apuntou que “a Deputación xa fixo o que lle correspondía, cumprindo coa palabra dada ós veciños, agora esperamos que o goberno autonómico faga o mesmo coa súa parte”.

Aposta pola calidade e a durabilidade

Lara Méndez amosou a súa satisfacción polo resultado das obras e destacou que a calidade e durabilidade dos materiais con que cada organismo traballa non teñen comparación. Os treitos da Deputación quedaron rematados con aglomerado en quente, mentres que o goberno autonómico, está usando rego asfáltico. Pode ser que nun principio non se aprecie a diferencia pero dentro de dous meses, os treitos da Xunta cando sexan usados e chova por eles, volverán a estar en mal estado e cheos de fochancas, polo que non me extraña que os veciños se queixasen de como a Xunta está executando a súa parte”.

Máis de 1 millón de euros para Alfoz

A Vicepresidenta Segunda destacou que esta actuación se enmarca dentro do esforzo inversor que está a facer a Deputación neste municipio da Mariña. En total, o organismo provincial leva investidos no que vai de mandato en Alfoz máis de 1 millón de euros. Precisamente, dentro da aposta pola creación de emprego, o día 1 de xaneiro comezarán a traballar as 7 persoas deste Concello que foron seleccionadas dentro do programa Lugo Emprega. En materia de infraestruturas, melloráronse con  aglomerado en quente varios treitos das estradas provinciais de San Acisclo e Oiras e a de Areas por Oirán a Ver. Asimesmo, dentro dos Plans de Comunidades Veciñais e de Pequenas infraestruturas executáronse actuacións por valor 128.000 euros. Os veciños deste municipio tamén estarán seguros coa rede provincial de bombeiros que impulsou o organismo provincial.

Exit mobile version