Nota de prensa:
Os obradoiros do CENTRAD atraen a persoas de toda Galicia, Asturias, León e Madrid
– Os 18 cursos ofertados este inverno terán 136 participantes, ó cubrirse todas as prazas dispoñibles. Na maioría das xornadas quedaron demandantes en lista de espera
– O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación iniciou hoxe un obradoiro de cestaría tradicional galega, un dos máis consolidados da súa programación
A programación de obradoiros organizada para este ano polo Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación, atrae a persoas procedentes non soamente de toda a provincia lucense, senón do resto de Galicia, así como de Asturias e Castela e León, e ata incluso de Madrid. A través desta iniciativa, o organismo provincial busca impulsar este sector, xerar riqueza na provincia e novas oportunidades laborais.
A aceptación dos obradoiros, tanto entre os artesáns, como entre o público en xeral interesado nesta materia, queda reflectida en que, nos 18 ofertados este inverno, se cubriron as prazas dispoñibles en todos os casos, o que supón que participarán 136 persoas, e na maioría deles incluso quedaron demandantes na reserva. Precisamente, en 2011 incrementouse nun 10% o número de xornadas formativas con respecto ó ano pasado, precisamente por ese aluvión de solicitudes. A Deputación conseguiu que o CENTRAD sexa o centro de Galicia que máis cursos ofrece nesta materia, no marco da súa aposta por potenciar un sector que considera unha verdadeira oportunidade económica e laboral para a provincia que hai que aproveitar.
A oferta para esta tempada consta de 74 obradoiros, 18 este inverno, que comezaron a impartirse a mediados do mes de xaneiro. Neste senso, hoxe iniciouse un novo curso, de “Cestaría Tradicional Galega”, un dos máis consolidados no programa do CENTRAD. As clases impartiranse ata o 25 de febreiro, de 16:00 a 20:00 horas. Os oito participantes, que cobren a cota de prazas dispoñibles, elaborarán tres tipos de pezas fundamentais na cestaría galega de vimbio seguindo as técnicas tradicionais: paxes, canistrelos e cabazos. Polo demais, ata abril daranse máis cursos de cestaría, ademais de xoiaría, cerámica, coiro, téxtil, artes do libro, deseño, fotografía e pedra.
Xornadas en Bonxe e Cervo
Por primeira vez e ante a petición dos solicitantes, neste 2011 celebraranse xornadas formativas fóra das instalacións do CENTRAD co obxectivo de facilitar o seu acceso. En marzo, levaranse as primeiras a Bonxe e a Cervo. No primeiro caso, realizarase un curso de oleiría e, no segundo, de coiro. Os escenarios serán os talleres dos recoñecidos artesáns Vidal Revilla e Josefa Lombao.
Para os escolares
O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación continúa por outra banda cos obradoiros portátiles nos centros educativos da provincia, nos que nesta tempada participarán 740 alumnos de 38 colexios e institutos. Así, esta semana impartiranse xornadas de cestaría nos institutos de Quiroga e A Pinguela de Monforte, e no colexio Pedro Caselles Rollán de Xove; no IES quirogués tamén haberá clases de encadernación; no colexio La Aneja de Lugo, os alumnos recibirán nocións sobre técnicas para a fabricación de papel; no CEIP de Cervo desenvolverase un curso de instrumentos musicais; nos colexios o Salvador de A Pastoriza e Dr. López Suárez de Friol, de monicreques; e en Nuestra Señora Asunción de Sarria, de tapiz.