Nota de prensa
A Deputación definirá en dous meses o novo modelo de coordinación turístico provincial
– O Presidente anuncia que en marzo se celebrarán as distintas mesas por sectores para que en abril se constitúa o novo instrumento destinado non só a promocionar Lugo, senón tamén a axudar ó sector privado a atopar novas vías de comercialización
– Gómez Besteiro, Vega Buján e José Rábade clausuraron o congreso de turismo “Destino Lugo”, no que, ademais de expertos de Europa e de España na materia, participaron máis de 500 persoas
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a Vicepresidenta Terceira, María Xosé Vega Buján, e o Concelleiro de Protección da Comunidade de Lugo, clausuraron este xoves o 1º Congreso de Turismo “Destino Lugo”, que se celebrou dende onte no Salón de Actos do Pazo de San Marcos e no que prestixiosos representantes deste sector a nivel europeo e nacional analizaron a situación pola que atravesa o turismo lugués e as posibles alternativas para impulsar este sector, xa que Lugo é a provincia na que máis aumentou o número de visitantes en 2010. Neste senso, Gómez Besteiro anunciou que o organismo que preside comezará a desenvolver en marzo as distintas mesas por sectores que permitirán presentar en abril o novo modelo de coordinación do turismo provincial.
O máximo mandatario provincial subliñou que “todos sabemos que “xuntos aforramos máis”, polo que ter varios organismos facendo o mesmo dispara o gasto, confunde ó consumidor e duplica esforzos. Na actualidade o turismo de Lugo perde folgos entre organizacións sen ánimo de lucro, empresas privadas, padroados, oficinas municipais… Trátase de ir de abaixo para arriba e non o contrario porque temos que conseguir facer de Lugo un destino turístico”.
A aposta de futuro é crear un modelo dinámico e capaz de non só promocionar a provincia, senón tamén de vendela e de que se convirta nun instrumento que lle axude ó sector privado a atopar novas vías de comercialización, establecendo unha rede profesional. “Precisamente, segundo os datos publicados en días pasados sobre o paro, desvelábase que o turismo é un dos nichos de emprego desta provincia”.
Tradicionalmente as administracións adoptaron decisións de costas ó sector, vendendo destinos turísticos que non tiñan despois servizos ou paquetes correspondentes para os visitantes. “O que hoxe demandan os turistas non é coñecer unha capela ou unha praza, senón que lles ofrezamos a posibilidade de vivir unha experiencia, conseguindo que o gasto que fagan os visitantes sexa rendible para Lugo”.
Ademais, a través da Área de Turismo, este ano elaborarase unha guía que aglutinará as experiencias turísticas da provincia. Trátase da primeira iniciativa que se realiza en Lugo destas características e inclúese dentro do Plan Director de Turismo 2008-2011 impulsado pola Deputación para crear un sector coordinado e profesional, partindo da formación, sensibilización e unidade da sociedade, ó tempo que se configura como un instrumento que lles permite ós Concellos mellorar a súa oferta turística, tanto na concepción estratéxica do sector como no deseño de políticas de promoción e comercialización.
Desenvolvemento do encontro
Durante estes dous días prestixiosos representantes deste sector a nivel europeo e nacional analizaron a situación pola que atravesa o turismo lugués. Na sesión de hoxe participaron os representantes deste sector de varias cidades españolas con ampla experiencia no tema como: Valladolid, Segovia, Palma de Mallorca e Barcelona. Na sesión de onte expuxéronse as distintas experiencias de países tan punteiros en promoción turística como Inglaterra ou Finlandia, a través das ponencias dos directores de Desenvolvemento Turístico de Gran Bretaña, James Turner, e do Director da empresa encargada da organización de vendas do suroeste de Finlandia, Anne Marget Niemi de Turku. A segunda parte, consistiu nun debate no que profesionais e administracións implicadas no sector analizaron as distintas alternativas de coordinación para a promoción da provincia como destino turístico. No foro participaron a Vicepresidenta Terceira, María Xosé Vega Buján; os Presidentes do Padroado Provincial de Turismo e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Julio Álvarez e José María Real, respectivamente; a Presidenta da Asociación de Turismo Rural de Lugo Sur, Carmen Martínez; e o seu homólogo na Mariña, Manuel Vicente.
En total, ademais dos ponentes, participaron representantes do sector turístico público e privado de Lugo, ademais de Alcaldes e Concelleiros, representantes do sector da hostalería, casas de turismo rural, oficinas de turismo, restauración, fundacións comarcais ou empresas especializadas nesta materia.