Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación convida ao presidente da Xunta a un debate sobre demografía

Nota de prensa:
Besteiro recalca á Feijóo a necesidade da presencia do Presidente da Xunta no debate sobre demografía

– O Presidente da Deputación convidou persoalmente a Feijóo á xornada Lugo Reacciona. Debate con Propostas de futuro fronte ó despoboamento demográfico

– Os mellores especialistas na materia en Galicia daranse cita no encontro para consensuar propostas concretas de futuro co obxectivo de fixar a poboación

– Besteiro reiterou a necesidade dunha alianza estratéxica para combater datos como os do INE: dende 1950, Galicia perdeu un terzo da súa poboación

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, convidou persoalmente ó Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, á xornada “Lugo Reacciona. Debate con Propostas de futuro fronte ó despoboamento demográfico”. Gómez Besteiro aproveitou a visita que ambos os dous mandatarios realizaron hoxe ó parque de bombeiros de Vilalba, para recalcarlle a Feijóo o interese da Deputación, así como a necesidade na provincia e na Comunidade en xeral, da presencia do máximo mandatario galego na 1º xornada-debate destas características que se celebra en Lugo. A semana pasada, o organismo provincial enviou xa a invitación oficial ó Presidente da Xunta.

Gómez Besteiro explicoulle a Feijóo que a Deputación leva varios meses traballando na organización deste encontro co obxectivo de consensuar medidas concretas e con continuidade que combatan o retroceso poboacional que sofre Galicia. Para elo, o 4 de marzo daranse cita no Pazo de San Marcos os mellores especialistas da Comunidade nesta materia.

O titular do organismo provincial lembroulle, tal e como fixo xa na súa intervención no Parlamento durante o mes de novembro, a necesidade de que as administracións sumen esforzos e poñan en marcha políticas de actuacións a este respecto. Deste xeito, salientou que a Deputación xa accionou, dentro das súas posibilidades, medidas que xeran novas oportunidades económicas no rural lucense, zona máis afectada polo fenómeno poboacional. É o caso da construción das 10 primeiras residencias con centro de día, da total implantación da administración electrónica e a banda longa nas Casas Consistoriais, as subvencións ás explotacións gandeiras, ou a consecución de 20 millóns de fondos europeos para facer do medio ambiente a nosa oportunidade económica.

Besteiro insistiu na “prioridade” de definir unha alianza estratéxica que faga fronte a datos coma os publicados polo Instituto Nacional de Estatística os cales alertan de que Galicia e a segunda Comunidade no país na que menos nacementos se rexistran. Dende 1950, a provincia perdeu un terzo da poboación, de 508.900 habitantes naquela data pasou ós 355.549 actuais. Na actualidade, existen máis de 1.400 aldeas baleiras en toda Galicia. O número de cotizantes da Seguridade social en Lugo é de 125.000 persoas. Deste xeito, mentres que a ratio española de cotización por afiliado é de 2,6 por xubilado, na provincia é de 1. Lugo encabeza ademais o retroceso demográfico de 2010 ó perder case 3.000 habitantes. Destaca a poboación da zona sur, que baixou un 10,3% nos últimos dez anos. En canto a Concellos con menor poboación, salientan os de Negueira de Muñiz e o de Ourol que apenas supera os 1.000.

Desenvolvemento do debate

A xornada, de entrada libre, dará comezo ás 17:00 horas e será inaugurada pola Secretaria Xeral da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Isaura Leal. A continuación, comezará o debate coa participación, entre outros, de José Precedo Ledo, profesor especialista en Xeografía Humana, ex-director e Secretario Xeral da Xunta de Galicia; José Manuel Colmenero Álvarez: especialista de Estatísticas e Investigación Operativa e delegado provincial do INE en Lugo; e de Francisco Sineiro García, un dos profesores con maior prestixio en Galicia de Economía Agraria e ex Conselleiro de Agricultura da Xunta con González Laxe. As conclusións para a súa posterior elaboración correrán a cargo do profesor e doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía, Vicente González. O encontro estará moderado polo que foi Director de Sondaxe durante 20 anos e Profesor de Socioloxía, Gabriel Vázquez. A clausura correrá a cargo do Presidente da FEGAMP, Carlos Fernández.

Exit mobile version