Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación conclúe a selección dos aspirantes de 19 concellos para o plan Lugo Emprega

Nota dre prensa

A Deputación conclúe esta semana a selección do Lugo Emprega cos aspirantes de 19 Concellos de menos de 5.000 habitantes

-Trátase da 2ª e última proba, consistente nunha entrevista persoal, na que participan preto de 400 persoas, e que se engaden ás 887 da semana pasada dos outros 37 municipios que atopan neste grupo

– A cualificación final, que engloba os resultados do test e da entrevista, publicarase a vindeira semana no taboleiro de anuncios e na web da Deputación

– Os 451 seleccionados destes 56 Concellos comezarán a traballar nos respectivos municipios o 1 de marzo

A Deputación remata esta semana o proceso de selección do Lugo Emprega correspondente ós Concellos de menos de 5.000 habitantes ou con menos de 500 parados que se adheriron ó Plan, todos menos o de Incio, creado para reducir o desemprego na provincia. Trátase da última proba, consistente nunha entrevista persoal, á que foron citados os aspirantes dos últimos 19 municipios que se atopan dentro deste grupo e que superaron o tipo test. En total, entre hoxe e o mércores participarán no proceso selectivo 394 demandantes de emprego destas entidades locais.

A semana pasada concurriron os 887 aspirantes dos 37 Concellos restantes. Ó igual que na proba teórica, a entrevista estase a desenvolver en distintos puntos da provincia para facilitar a participación dos seleccionados. Este martes, na Sala de Xuntas do Concello de Monforte de Lemos citáronse ós demandantes de emprego de 8 municipios do sur da provincia: Saviñao, Sober, Ribas de Sil, Quiroga, Pobra de Brollón, Ferreira de Pantón, Folgoso do Courel e Bóveda.

Mañá, mércores, concluirá o proceso de selección coa participación dos aspirantes de 11 Concellos. No Salón de Actos do Instituto de Bacharelato de Becerreá realizarán a entrevista as persoas que superaron o test deste municipio, e dos de Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Asimesmo, no de Plenos da Deputación, concurrirán os de Láncara, Paradela, Páramo, Ribeira de Piquín, Triacastela e Xermade.

Os resultados coa cualificación definitiva publicaranse a vindeira semana no taboleiro de anuncios do Pazo de San Marcos e na web: www.deputacionlugo.org. As 451 persoas dos Concellos de menos de 5.000 habitantes que resultarán beneficiadas deste Plan comezarán a traballar o 1 de marzo. Desempeñarán labores relacionados co mantemento, conservación e mellora dos servizos públicos municipais. No caso dos 260 contratados dos 9 municipios que superen o número de veciños citado anteriormente, a selección xa non depende da Deputación senón das propias entidades locais.

Un Plan para todos e sen precedentes en Galicia

Galicia liderou en 2010 o paro en España e, na provincia, o desemprego rexistrou un aumento do 10,32%. Para paliar esta situación, a Deputación xestionou de forma áxil e eficaz este Plan sen precedentes na Comunidade, converténdose na administración galega que impulsou a iniciativa máis cuantiosa de todo o territorio autonómico para reducir o paro. Co Lugo Emprega, 711 persoas atoparán traballo durante seis meses en todos os Concellos, agás o de Incio, no que malia que o Alcalde rexeitou sumarse ó programa, o organismo provincial elaborou un plan específico para a contratación dos 7 parados, tal e como contemplaba o programa inicial.

O Plan tivo un grande éxito de convocatoria. Nos 66 municipios rexistráronse 6.700 solicitudes. A boa xestión protagonizada polo actual equipo de goberno permitiu que a Deputación puidese financiar con fondos propios esta iniciativa dotada con 8 millóns de euros, e sen incrementar a débeda pública. Ten un custe 0 para as entidades locais, de tal xeito que estas só terán que aportar a roupa e o material; o que contribúe a aumentar a cooperación municipal e lles axuda a incrementar a prestación de servizos ós seus veciños.

O Lugo Emprega inclúese dentro da oferta de emprego que nestes momentos ten aberta o organismo provincial e coa 1.400 persoas comezarán a traballar de xeito inmediato. Ademais deste iniciativa, a Deputación crea emprego na provincia co programa formativo Pacto Provincial polo Emprego, coa contratación de bombeiros para os parques construídos polo Consorcio, e coas prazas que se cubrirán para traballar nas dez residencias e centros de día que construirá SUPLUSA noutros tantos Concellos.

Exit mobile version