A Deputación conclúe a dotación dos parques e reclama á Xunta cofinanciación para zonas sen cobertura contraincendios
– Besteiro e Feijóo visitaron as instalacións de Vilalba o mesmo día no que o Pleno do Consorcio acordou as derradeiras adxudicacións do organismo provincial: o equipamento interno e un sistema para o aviso inmediato de emerxencias nos 67 Concellos
– Gómez Besteiro demandou a Núñez Feijóo cofinanciación para afrontar a cobertura da Montaña luguesa, entre outras, o que garantiría a seguridade do 100% da provincia
-“Despois de 24 anos sen servizo contraincendios, esta Deputación cumpriu. Confío en que sigamos unidos no novo reto: a cobertura total da provincia”, subraiou o Presidente da Deputación
A Deputación concluirá esta semana a dotación de todos os parques da provincia despois de que o Pleno do Consorcio de Bombeiros acordara este luns as derradeiras adxudicacións competencia do organismo provincial para abrir as instalacións de Barreiros, Viveiro, Vilalba, Chantada e Sarria o 1 de maio. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, deu a coñecer o cumprimento da totalidade correspondente á Deputación no día en que visitou o parque de bombeiros de Vilalba co Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. “Hoxe eu non sería un bo Presidente da provincia e do Consorcio se me conformase co feito. O noso obxectivo é o 100% da cobertura contraincendios da provincia. A Deputación está disposta a aportar a metade do investimento sempre e cando a Xunta cofinancie, como lle corresponde, o outro 50%”, anunciou Gómez Besteiro na súa intervención diante do Presidente da Xunta.
Gómez Besteiro subraiou que “na mañá de hoxe, a Deputación cumpre coa súa parte e ten todo listo para abrir os parques o 1 de maio, despois de 24 anos sen cobertura contraincendios e saldando unha débeda histórica que só quedaba pendente na provincia de Lugo, igual que fixemos traspasando os hospitais ó SERGAS”. Besteiro afirmou: “é de ben nacidos ser agradecidos. Igual que vostede agradeceu a Emilio Pérez Touriño a celeridade na construción do novo hospital de Lugo, eu quero agradecerlle ó anterior Presidente da Xunta que puxera en marcha con nós o Consorcio Provincial de Bombeiros, desbloqueando a construción dos parques que, inexplicablemente, levaba décadas atascada e privaba da mínima seguridade ós veciños desta provincia”. Gómez Besteiro tamén tivo palabras de agradecemento para “o actual Presidente da Xunta e para o Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, co que tiven total sintonía. Continuamos traballando xuntos, o que hoxe nos permite visitar instalacións coma esta e, unha vez que o goberno autonómico ceda os edificios ó Consorcio, iniciar o noso cometido”.
Para que a Xunta cumpra coa súa parte no Consorcio debe axilizar os tramites para ceder as instalacións de: Viveiro, Chantada, Sarria e Vilalba. As de Barreiros, construídas polo organismo provincial, xa pertencen ó Consorcio porque a Deputación tamén axilizou a súa cesión. “Despois de 24 anos sen servizo contraincendios, esta Deputación cumpriu. Confío en que sigamos unidos no novo reto: a cobertura total da provincia”, subraiou o Presidente da Deputación.
Besteiro destacou que “tamén é unha boa nova crear emprego en Vilalba, que terá proximamente 48 traballadores máis: 22 no parque de bombeiros e 26 empregados que iniciarán a principios de marzo o seu contrato co programa Lugo Emprega, financiado pola Deputación de Lugo”.
Acordos do Pleno de hoxe
A sesión plenaria do Consorcio, que tivo lugar esta mañá no Pazo de San Marcos, aprobou a adxudicación do equipamento interno dos parques de bombeiros de Viveiro, Chantada, Sarria e Vilalba por valor de 778.698 euros. O de Barreiros xa conta con este material: traxes de protección, ferramentas para o mantemento das instalacións e vehículos, equipos de escalada, material informático, mobiliario para oficinas, etc. As restantes instalacións estarán totalmente dotadas no prazo dun mes. Ademais, o Pleno tamén acordou a contratación esta semana dun sistema de radio dixital por valor de 152.542 euros que comunica todos os parques de bombeiros, así como o persoal dende calquera punto da provincia. Para elo, instalaranse repetidores e enlaces que, no caso dunha emerxencia nos 67 Concellos lucenses, alertarán simultaneamente ás sedes das instalacións contraincendios e a todos os vehículos, independentemente da súa situación xeográfica. É dicir, non existirán espazos de sombra. Este sistema, que garante a comunicación total na provincia, estará listo no mes de abril. Para asegurar a plena operatividade, os bombeiros recibirán formación sobre o emprego das terminais fixas instaladas nos parques e dos móbiles correspondentes ós vehículos.
Vehículos nos parques
Con estas derradeiras adxudicacións, a Deputación conclúe o cometido do que era responsable. O Consorcio Provincial de Bombeiros, asumido ó 50% polo organismo provincial e o Goberno galego, acordou no 2008, logo da sinatura dun convenio entre a actual Deputación e o anterior Executivo autonómico, que a primeira se encargaría da adquisición do equipamento para os parques e o segundo da licitación e execución das obras. Trátase dun acordo sen precedentes que puxo fin á situación de abandono que sufría Lugo ó non contar, a diferenza de todas as provincias galegas, cun servizo de extinción de incendios.
Desde o acordo, a Deputación xa cedeu ó Consorcio 17 vehículos: 12 adquiridos polo equipo de Goberno provincial nos que investiu 2.659.000 euros, e 5 comprados pola anterior Xunta en 2008 para os que achegou 970.000 euros. A súa distribución é a seguinte: 3 en Barreiros (mando todo terreo, urbano lixeiro e bomba nodriza); 4 en Chantada (mando todo terreo, mixto de rescate e extinción, urbano lixeiro e bomba nodriza); 2 en Sarria (mando todo terreo e bomba nodriza); 4 en Vilalba (mando todo terreo, mixto de rescate e extinción, urbano lixeiro e bomba nodriza); 4 en Viveiro (mando todo terreo, rescate en altura, urbano lixeiro e bomba nodriza). Ademais hai outros 3 vehículos (2 camións de rescate en altura de 32 metros, e un camión BUL) que foron adquiridos polo Consorcio por valor de 1.321.084 euros. En total, suman 20 vehículos, 4 por parque.
123 bombeiros contratados
Os 123 bombeiros contratados polo Consorcio rematarán o próximo 26 de abril o proceso de 400 horas de formación, estando preparados para comezar a súa actividade. Co obxectivo de reforzar a cobertura contraincendios, o Consorcio incrementou en 9 o numero de postos de emprego con respecto á previsión inicial. Deste xeito, cada parque terá sempre un mínimo de entre 19-22 bombeiros, garantindo o servizo as 24 horas e os 365 días ó ano.
Na zona norte, os parques de Barreiros, Vilalba e Viveiro darán cobertura a 25 Concellos: Abadín, Alfoz, Barreiros, Burela, Begonte, Cospeito, Cervo, Foz, Guitiriz, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, O Valadouro, O Vicedo, Ourol, Outeiro de Rei, Pastoriza, Rábade, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Vilalba, Viveiro, Xermade, e Xove. Na zona sur, os de Chantada, Sarria e Monforte de Lemos prestarán servizo a outros 25: Antas e Ulla, Baralla, Becerreá, Bóveda, Corgo, Carballedo, Chantada, Guntín, Láncara, Monforte, Monterroso, O Incio, O Páramo, O Saviñao, Pantón, Paradela, Pobra de Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas do Sil, Samos, Sarria, Samos, Sarria, Sober, Taboada e Triacastela. Isto supón, a cobertura contraincendios no 90% da provincia lucense.
O ámbito territorial adscrito a cada un destes parques terá independencia da súa actuación profesional se fose necesario fóra dos límites do mesmo: a nivel comarcal, provincial, ou mesmo autonómico. A prestación do servizo para toda a provincia incluirá: incendios, inundacións, accidentes de circulación, rescates, salvamento, actividades de prevención, etc.