Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación asume custes de Mondoñedo nas obras da Ponte do Pasatempo e en Alcántara

Nota de prensa

A Deputación  aforra 150.000 euros ó Concello de Mondoñedo asumindo custes de obras municipais

– Trátanse dos traballos de recuperación da Ponte do Pasatempo e da construción do aparcadoiro de Alcántara que lle correspondía financiar nun 45% ó Concello

– O Presidente e o Alcalde asinaron un convenio mediante o cal a Deputación achega 91.000 euros para que o municipio cumpra co Plan de Rehabilitación

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Mondoñedo, Manuel Orlando González Cruz, asinaron este sábado un convenio mediante o cal o organismo provincial achega a este municipio 91.151 euros. Trátase da cantidade que lle correspondería aboar ó Concello polas obras de recuperación do entorno da Ponte do Pasatempo pero que, debido ós problemas de liquidez da entidade local, non pode facer fronte. Ante esta situación, a Deputación asume este custe aforrando cartos ás arcas municipais.

Gómez Besteiro salientou que “na Ponte do Pasatempo vemos que no bo non pasou o tempo, xa que a rehabilitación foi excelente. A Deputación financiou, pero isto non sería posible sen un Concello que liderara este proxecto e que soubo buscar cartos para superar os seus problemas de liquidez”.

As obras no contorno da Ponte do Pasatempo enmárcanse dentro do Plan de Rehabilitación da zona monumental deste municipio financiado polo Goberno de España, Xunta de Galicia e Concello de Mondoñedo. O seu custe total é de 150.000 euros. Desta cantidade, o Executivo Central aporta o 30%, o Goberno galego o 25% e, grazas a sinatura deste convenio, o 45% restante que lles correspondía ó Concello achegao a Deputación.

A este respecto, o rexedor municipal subliñou que “agradezo á Deputación que financiase a parte do Concello porque senón isto sería totalmente imposible. Estamos moi agradecidos”. Neste senso, apuntou que “ademais do valor histórico, aquí foi onde se detivo a muller de Pardo de Cela; a nosa motivación turística, xa que son moitas as persoas que visitan esta zona”.

O Plan de Rehabilitación tamén contemplou a construción do aparcadoiro subterráneo de Alcántara, afincado detrás dos antigos xulgados e do instituto da Alameda. Estes traballos ascenderon ós 103.000 euros financiados nun 30% polo Goberno de España, nun 25% pola Xunta e nun 45% pola Deputación ó asumir, tamén neste caso, os 45.000 euros que debía achegar o Concello.

Exit mobile version