Antonio Gato anuncia que a Deputación aprobará en marzo o Plan de Comunidades Veciñais de 2011
– En total, os Concellos presentaron unhas 600 solicitudes para obras que suman preto de 4,8 millóns de euros
– O Plan está dotado con 2,3 millóns e a cantidade que achega a Deputación non superará os 12.000 euros, é dicir, o 75% do importe total da obra
– Esta foi a Xunta de Goberno na que se aprobou o maior número de obras: 42 contas xustificativas do Plan de 2010, co que se subvencionaron 298 actuacións
– A Deputación cumpre a palabra dada ós veciños e iniciará o vindeiro mércores as obras de reconstrución da Ponte de Arante, en Ribadeo, que se viñera abaixo polas riadas de xuño
O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, anunciou este venres que a Deputación aprobará en marzo o Plan de Comunidades Veciñais de 2011 co que aumentará a cooperación cos Concellos, e que está dotado con 2,3 millóns de euros. En total, os Concellos da provincia presentaron unhas 600 solicitudes para obras que suman preto de 4,8 millóns de euros. O prazo para formalizar as peticións rematou esta semana, concretamente o día 15. Antonio Gato subliñou que “este ano adiantamos en 2 meses a posta en marcha desta iniciativa porque se trata dun bo modelo para axudar ós Concellos nestes momentos nos que teñen tantos problemas de liquidez. O Orzamento de 2011 é o da máxima cooperación cos municipios, xa que non recortamos en nin un só euro as partidas destinadas a este fin. Por iso, este ano mantemos o presuposto do Plan”.
A cantidade que achega a Deputación supón algo máis do 65% do investimento total das obras, de xeito que as axudas que se concederán para calquera das actuacións non superará os 12.000 euros, é dicir, o 75% do importe total da obra. O 25% restante será aportado polos veciños. Precisamente, a Xunta de Goberno deste venres aprobou o maior número de obras correspondentes que corresponden ó plan do ano 2010, co que se subvencionaron 298 actuacións. Son un total de 42. Teñen un importe de 476.012 euros, dos que a Deputación achega 316.682 euros.
Pertencen ós Concellos da Pontenova (4), A Fonsagrada (3), Guitiriz (3), O Valadouro (3), Barreiros (2), Begonte (2), Cervo (2), Riotorto (2), Trabada (2), Ourol (2), Pantón (2), Pobra de Brollón (2), Abadín, Antas de Ulla, Baralla, Carballedo, Castro de Rei, Cervantes, Incio, Lourenzá, Lugo, Mondoñedo, Quiroga, Sarria, e Viveiro.
Esta iniciativa súmase a outras que o organismo provincial puxo en marcha para aumentar a colaboración cos municipios ó tempo que aumenta a obra pública na provincia. É o caso do Plan de Pequenas Infraestruturas para Concellos de menos de 5.000 habitantes do que o ano pasado se beneficiaron 41 entidades locais, e que este ano terá un maior investimento. En total, 1.072.000 euros.
O mércores comezan as obras da Ponte de Arante
A Xunta de Goberno tamén adxudicou as obras de reconstrución da ponte de Arante en Ribadeo, que se viñera abaixo nas riadas do mes xuño e que permaneceu pechada dende esa data. O importe dos traballos, que darán comezo o vindeiro mércores é de 215.732 euros. Dende a Deputación houbo dende o minuto unha vontade clara para solucionar o problema, xa que dende que se produciu o derrubamento habilitouse unha partida de emerxencia para proceder á súa reconstrución.
Asimesmo, acordouse resolver o contrato da obra de mellora dos accesos ó polígono de Paradela, concretamente do treito que vai dende a estrada provincial CP 4201 á de Vilaragunte. Esta actuación inclúese dentro da partida de obras para estradas e mantemento de servizos municipais, dotada con máis de 12 millóns de euros do Plan Extraordinario de Obra Pública, creado para axudar e manter os postos de traballo existentes na provincia. “O motivo de que se acordase resolver o contrato desta obra, que ten un investimento de 512.000 euros, débese a que SUPLUSA está a desenvolver o polígono industrial deste municipio, polo que cremos que será máis útil e eficaz que sexa a Sociedade Urbanística a encargada de executar a obra. Deste xeito, garantizamos que as dúas actuacións, estrada e polígono, vaian en paralelo”. As obras do polígono comezarán no mes marzo. Situarase nas immediacións do campo de fútbol. Contará cunha superfície de 320.000 metros cadrados e o presuposto rondará os 2 millóns de euros.
Máis obras na provincia
Na sesión de hoxe aprobouse a contratación de tres novas obras, por importe de 334.000 euros, que se executarán nos Concellos da Fonsagrada, Becerreá e Saviñao. Trátase da reforma do polideportivo municipal fonsagradino. Esta actuación, na que se invisten 150.000 euros, inclúese dentro do convenio do Fondo Complementario dotado con 9,5 millóns que puxo en marcha organismo provincial para intensificar o apoio ós municipios máis poboados ou exercen como motores comarcais, ó tempo que quedaran excluídos doutros plans provinciais como o de Pequenas Infraestruturas para Concellos. No marco deste convenio, a Deputación tamén construirá unha nova Casa Consistorial que ten un importe de 850.000 euros.
No Saviñao e dentro do canon de 2010, deuse o visto e prace ó acondicionamento dos accesos ó núcleo de Figueiras. Esta actuación conta cun investimento de 61.784 euros. Finalmente, en Becerreá, aprobáronse unhas obras adicionais por importe de 122.218 euros da estrada provincial que vai de Cereixal a Louxas. Neste caso mellórase o afirmado dende o punto quilométrico 0 ó 10. En total nesta estrada, xa se executaron 20 quilómetros, o que supuxo un investimento 1, 8 millón de euros.
Estes investimentos son aportados ó 100% con fondos propios da Deputación, o que representa un claro exemplo do grande esforzo inversor que está a facer o organismo provincial por aumentar a obra pública e manter os postos de traballo existentes na provinca. Deste xeito, dentro do POS de 2011, arranxanse os 8 quilómetros que faltan para deixar a estrada de Cereixal a Louxas en perfectas condicións. Esta actuación beneficiará ós máis de 11.000 veciños dos Concellos de Becerreá, A Fonsagrada, Navia e Baleira polos que pasa.
Asimesmo, deuse o visto e prace ó convenio entre a Deputación e o Concello de Monterroso para a execución das obras de acondicionamento da segunda pranta da residencia da terceira idade por importe de 120.000 euros.
“A Deputación márcalle a axenda á Feijóo, non lla marca Barreiro”
O voceiro provincial socialista tamén se referiu ás declaracións realizadas polo Presidente da Xunta no día de onte durante a presentación de varios candidatos para as vindeiras eleccións municipais. Neste senso, subliñou “hoxe sorpréndenos diante dos propios candidatos que din que rozan a maioría absoluta, pero o certo é que a rozan coa punta dos dedos. Chama a atención que se volva a manifestar dicindo que se van a crear 6.000 postos de traballo, aumentando a 75 millóns de euros o Plan de Cooperación. Imos ver se efectivamente isto é certo. Eu creo que é un anuncio electoral. Con este anuncio demóstrase que a Deputación lle sigue marcando a axenda a Feijóo con programas como o Lugo Emprega. A axenda fixémoslla nós, non lla marca Barreiro. A proba está en que cada vez que hai un acto do PP o Presidente da Xunta aparece por aquí”.