Site icon Crónica3.com A Mariña

A Sociedade Urbanística Provincial comezará a licitar residencias e centros de día en dous meses

Nota de prensa

Gómez Besteiro anuncia que SUPLUSA comezará a licitar en 2 meses as residencias da 3ª idade

– A primeira será a de Trabada e logo continuarase cos outros nove centros cos que a Deputación dará traballo a máis de 120 persoas

– O organismo provincial aproba por unanimidade instar á Xunta de Galicia a executar a residencias de Becerreá e Fonsagrada. As infraestruturas foron reclamadas en varias ocasións polos Alcaldes destes dous municipios

– Segundo a OMS, Galicia sitúase á cola do Estado en servizos e prazas para atender a persoas maiores, xa que por cada 100 galegos maiores de 65 anos só hai dispoñibles o 2,5% prazas públicas en xeriátricos

– Tal e como anunciara o Presidente na reunión mantida coa Xunta de Confrarías de Viveiro, o organismo provincial aprobou a declaración institucional para que a Semana Santa deste municipio sexa declarada de Interese Turístico Internacional

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este martes durante a celebración do Pleno que a Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) comezará a licitará en dous meses as residencias da terceira e centros de día. A primeira será a de Trabada e logo continuarase cos nove centros restantes que se construirán nos municipios Meira, Riotorto, Guitiriz, Castroverde, Ribas de Sil, O Saviñao, Pol, Pedrafita do Cebreiro e Navia de Suarna. Terán capacidade para 410 prazas, 26 persoas no caso das residencias e de 15 nas instalacións de día.

A Deputación inviste 12 millóns de euros na construción destas infraestruturas. Mentres, os Concellos, ademais de aportar os terreos e os servizos urbanísticos, participan no finanzamento mediante unha achega de 200.000 euros, o 14% do custe total de cada centro que ascende a 1.400.000 euros. Deste xeito, malia que o organismo provincial non ten competencias en materia sanitaria xa que estas lle competen ó Executivo galego, fai un importante esforzo inversor co obxectivo de crear emprego, aumentar a cooperación cos Concellos e combater o despoboamento demográfico.

Acordo unánime para Becerreá e Fonsagrada
Asimesmo, o Pleno aprobou por unanimidade a proposta do equipo de goberno para instar á Xunta de Galicia a iniciar a construción das residencias de maiores de Becerreá e Fonsagrada. As infraestruturas foron reclamadas en varias ocasións polos Alcaldes destes dous municipios, Manuel Martínez e Argelio Fernández, respectivamente a través de distintos acordos das corporacións municipais. Manuel Martínez, quen neste caso actuou como voceiro do goberno, destacou a importancia da construción destes centros, “xa que na Montaña é onde residen máis persoas maiores da provincia, polo que é a zona que máis o necesita”.
Galicia sitúase á cola do Estado en servizos e prazas para atender á poboación da terceira idade. Neste senso, Martínez referiuse ó datos proporcionados pola Sociedade de Xerontoloxía, quen indica que para cumprir coas propostas da Organización Mundial de Saúde, a nosa Comunidade tería que dispor de 15.000 prazas máis en residencias. A OMS establece que a recomendación mínima, en función do elevado nivel de avellentamento da poboación galega, debería contar cunha oferta ampla en 6.000 novas camas antes de 2015, xa que coas existentes non se alcanzaría o ratio de 5 prazas indicada por cada 100 persoas maiores de 65 anos, senón o 3,5%. Deste xeito, Galicia é a segunda comunidade autónoma española coa peor ratio de prazas cun 2,5%, tan só seguida de Ceuta cun 1,8%.

Ante estas cifras, o Deputado provincial criticou que a Xunta continúe coa súa política de recortes e privatizacións sen precedentes en Galicia. Precisamente pola súa falta de iniciativas, a Deputación executar as 10 residencias e centros de día.

Reivindicación histórica
Na actualidade, Becerreá conta con máis de 1.120 persoas maiores de 65 anos, o que supón máis do 33% da poboación sen contar o resto da comarca. Por este motivo, este mesmo mes o Concello aprobou por unanimidade solicitar á administración autonómica a execución dun centro de terceira idade. No caso deste municipio, a  reivindicación remóntase a hai 29 anos, concretamente a 1.983, ano que o  Concello cedeu ó goberno autonómico unha finca de 1.200 metros cadrados de superficie para a súa construción. Este proceso chegou á fase de adxudicación, pero nunca se executou, xa que neste terreos, creouse un centro de servizos sociais que en 1997 foi transferido ó Concello. Deste xeito, Becerreá é a única comarca da Montaña que non dispón dunha infraestrutura destas características.

Nunha situación semellante atópase Fonsagrada. Neste caso, o Concello remitiu en xuño de 2010 á Secretaría Xeral de Familia e Benestar para o seu informe o proxecto, que foi subvencionado polo Executivo Galego con 80.000 euros, e que contemplaba a adaptación do edificio da Fundación Rois de la Peña, para a súa ubicación, pero as obras nunca se iniciaron. Posteriormente, o Partido Popular anunciou en xullo de 2010 a continuación dos trámites para a súa construción. Nestes momentos, o Concello non ten ningunha garantía de que o goberno galego cumpra o compromiso asumido nesa data.
Na actualidade, o Goberno galego ten residencias en Burela, Castro de Rei, Monforte de Lemos e Quiroga. A maiores, subvenciona prazas en centros privados de Chantada, Guntín, O Incio, Lugo, Láncara, Monforte de Lemos, Pastoriza, Sober, O Valadouro, Vilalba e Xove. Mentres, ademais de Fonsagrada e Becerreá, Foz tamén agarda que o Executivo Galego cumpra coa súa palabra e dote a este municipio dun centro para a terceira idade.

Compromiso coa Semana Santa de Viveiro
Tal e como anunciara o Presidente na reunión que mantivo a semana pasada cos membros da Xunta de Confrarías de Viveiro, a Deputación aprobou a declaración institucional para que a Semana Santa deste municipio sexa declarada de Interese Turístico Internacional. Na actualidade xa conta con este distinción a nivel nacional.

Na reunión, Gómez Besteiro comprometeu unha axuda extraordinaria de 40.000 euros para facer da Semana Santa de Viveiro a máis grande de Galicia. Deste xeito, a Deputación aporta preto do 25% do presuposto total co que contarán as confrarías para a celebración desta festividade. Este investimento sen precedentes no organismo provincial prodúcese grazas ás xestións realizadas polo seu Alcalde, quen xa unificou o esforzo dos máis de 3.000 confrades, -preto do 20% da poboación total de Viveiro-, coa subvención directa do Concello de 64.000 euros. Ademais, por primeira vez, e a instancias de Roel, este colectivo dispón de distintos locais municipais de ensaio, reunión e almacenaxe.

Polígono de Pantón
Asimesmo, o Pleno deu o visto e prace ó informe do plan especial realizado polo Servizo de Urbanismo para a creación de solo urbanizable destinado a usos industriais e á construción de vivendas de promoción pública no Concello de Pantón. Trátase dun paso máis que dá Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) para dotar a este municipio do sólo industrial suficiente para que se asenten novas empresas, o que suporá a creación de novos postos de traballo no Concello da Ribeira Sacra. O polígono, que conta cun orzamento de 2,9 millóns de euros, situarase a 500 metros do núcleo de Ferreira, na marxe esquerda da estrada provincial CP 4102 que enlaza esta localidade coa de Currelos.

Exit mobile version