Nota de prensa
ANTONIO VEIGA VISITOU AS OBRAS DE MELLORA DOS VESTIARIOS DO CAMPO DE FÚTBOL MARTÍNEZ OTERO DE FOZ
A Área de Deporte achega 24.000 euros para estas obras, que se realizan nun dos máis antigos da Mariña
FOZ, 24 de febreiro de 2011. O delegado de Deporte da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, visitou esta tarde as obras de mellora que se realizan no campo de fútbol Martínez Otero de Foz, acompañado de Xoán Carlos Basanta, voceiro do BNG do concello e do directivo do Foz, José Soto. A Área de Deportes da Deputación de Lugo financia con 24.000 euros estas obras, que teñen por obxectivo a mellora e acondicionamento dos vestiarios do campo focense.
O delegado manifestou a súa ledicia porque “un campo de fútbol como o Martínez Otero, un dos máis antigos da Mariña, vaia ver totalmente renovadas parte das súas instalacións e aproveiten así ao máximo as súas posibilidades”. Explicou que “os vestiarios serán renovados totalmente, acondicionados e modernizados, xa que os anteriores atopábanse nun estado lamentable debido ao uso que se lles ten dado ata agora”. Ademais, os baños para o público que se atopan no campo están acondicionándose en canto a accesibilidade, e serán aptos para o uso de minusválidos.
O delegado de Deporte afirmou que desde a Vicepresidencia Primeira da Deputación, e en concreto desde a Área de Deportes, “adquirimos un compromiso prioritario coa promoción do deporte de base en todas as comarcas de Lugo, sumándose esta mellora no Martínez Otero de Foz ás que realizamos co obxectivo de procurar unhas instalacións deportivas axeitadas, tanto aos clubs que máis disfrutan delas, como ao público en xeral”.