Nota de prensa:
A Consellería de Traballo e Benestar forma a 5.000 lucenses para facilitar o seu acceso a un novo emprego
* A delegada territorial explicou que a Xunta realizou un investimento de máis de 30 millóns de euros nos 279 cursos e 37 escolas e obradoiros de emprego impartidos en Lugo
* Raquel Arias entregou diplomas aos 15 alumnos do curso de auxiliar de enfermería en xeriatría celebrado en Antas de Ulla e visitou o obradoiro de emprego
Antas, 7 de febreiro de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, entregou hoxe os diplomas aos 15 participantes nun curso de auxiliar de enfermería en xeriatría dirixido a persoas desempregadas que foi impartido en Antas de Ulla, acto no que estivo acompañada polo alcalde do municipio, Javier Varela Pérez.
Así mesmo, visitou aos alumnos traballadores do obradoiro de emprego, iniciado hai unhas semanas. A Xunta inviste 389.518,20 euros neste proxecto, no que 18 persoas desempregadas de 25 ou máis anos de idade aprenderán as especialidades de albanelaría e xardinaría.
A delegada subliñou a aposta da Consellería de Traballo e Benestar polo desenvolvemento de programas formativos para “mellorar a cualificación dos traballadores e reorientar a traxectoria profesional das persoas en paro nos casos en que resulta necesario”.
Nesta liña, expuxo que durante os últimos meses preto de 5.000 lucenses participaron nalgunha das accións formativas para desempregados xestionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, tanto nos 237 cursos como nos 37 programas mixtos de formación e emprego.
Arias subliñou o “impulso a favor do emprego” que orixina este conxunto de accións, lembrando que a taxa de empregabilidade dos obradoiros de emprego alcanza un 70%. Ademais, explicou que Galicia é unha das dúas comunidades autónomas que ten posto en marcha axudas económicas de arredor de 400 euros destinadas ás persoas coas rendas máis baixas que conten cun itinerario personalizado de inserción e acudan a un curso que vaia aumentar, de xeito real e efectivo a súa empregabilidade.
A delegada informou que hoxe remata o prazo de presentación de solicitudes para o desenvolvemento, no presente ano, de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas, ao que a Xunta destinará un investimento inicial superior aos 53 millóns de euros, unha contía que incrementa nun 5 por cento á investida no mesmo concepto durante o exercicio anterior.
Ao longo do último exercicio, detallou Arias, investíronse en Lugo “máis de 12 millóns de euros en cursos de formación e 18,7 en escolas e obradoiros de emprego, un esforzo considerable destinado a reforzar a cualificación dos nosos traballadores e aumentar, polo tanto, a competitividade do tecido produtivo de Galicia”.
Así, impartíronse 279 cursos en Lugo; 217 deles corresponden á programación destinada preferentemente a persoas desempregadas (antigos cursos FIP) -33 impartidos nos centros propios da consellería e os demais subvencionados a diversas entidades-, 19 corresponden a accións formativas experimentais e 43 ao programa para traballadores ocupados.
Igualmente, a Consellería de Traballo e Benestar subvencionou na provincia de Lugo 37 programas mixtos de formación e emprego. Preto de 4.000 persoas desempregadas tiveron acceso aos cursos, mentres que nos programas mixtos de formación e emprego participaron 788 alumnos traballadores.
Precisamente en Antas estase a desenvolver un destes programas, un obradoiro de emprego que está a permitir, entre outras novidades, a recuperación e acondicionamento de edificio en Peibás para local multiuso, o acondicionamento de casa escola de Olveda e a restauración ambiental da finca municipal de Vilane. A delegada territorial, acompañada polo alcalde, visitou as obras que se están a realizar e nas que participan 18 persoas desempregadas da localidade.
Viveiros de emprego
A Consellería de Traballo e Benestar vén de reorientar a formación para desempregados co fin de ligala aos certificados de profesionalidade, con validez en todo o territorio nacional, e co obxectivo de axustala ás necesidades e demandas do mercado laboral.
Deste xeito, ten en conta os ámbitos preferentes para os que se realizarán os cursos de formación, baseados nos estudos do Instituto Galego de Cualificacións, que determina os perfís con máis posibilidades de inserción: hostalería e turismo, servizos de dependencia, sector agrario, e enerxías renovables.
Neste sentido, Arias sinalou o acerto do curso impartido en Antas de Ulla, que aproveita o viveiro de emprego que supoñen os servizos para a dependencia. Esta actividade foi posible grazas a un convenio entre o concello e a Xunta -que destinou 36.176 euros a este proxecto- vencellado a un programa específico para a formación de persoas con necesidades formativas especiais ou que teñen dificultades para a súa inserción ou recualificación profesional.
A delegada explicou que nos últimos meses impartíronse na provincia 34 cursos para persoas desempregadas relacionados con esta especialidade, que se enmarca “dentro do interese da consellería por adaptar aos futuros profesionais do sector ás esixencias que establece a Lei de dependencia no tocante ao nivel de formación dos traballadores”.
Teoría e práctica
Os alumnos do curso impartido en Antas realizaron no propio centro 185 horas de prácticas –do total de 330 horas de duración do curso-, e levaron a cabo unha visita didáctica á Residencia de persoas maiores asistidas de Castro de Riberas de Lea. Igualmente, dedicaron 30 horas aos módulos transversais, isto é, 10 ao módulo de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres -obrigatorio en todos os cursos- e 20 horas ao módulo de creación de empresas.
A delegada gabou “o esforzo de todos os participantes por reincorporarse canto antes e nas mellores condicións ao mercado de traballo”. Fixo tamén referencias ao feito de que se matricularan nesta actividade 14 mulleres e un home, o que responde á tónica xeral dos cursos da familia profesional da sanidade, e apelou á necesidade de rachar “cos roles obsoletos sobre a distribución do traballo”.