Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG-Ensino critica a actuación da Consellaría de Educación no caso da coidadora do IES de Mondoñedo

Nota de prensa

A CIG-ENSINO CRITICA A ACTUACIÓN DA XUNTA NO CASO DA COIDADORA DO IES DE MONDOÑEDO

Dores Fernández Abel pide que a Consellaría de Educación reconsidere a súa postura e restitúa á coidadora ao seu centro

Ribadeo, 23 de febreiro de 2011.- A CIG-Ensino quere denunciar as formas de actuar da Consellaría de Educación no caso da coidadora do IES San Rosendo de Mondoñedo.

En primeiro lugar, porque a decisión da Consellaría de trasladar ao coidadora de centro foi executada de forma impositiva, sen contar coa opinión da afectada e sen serlle comunicada á Dirección do Centro no que desenvolvía o seu traballo. Independentemente que desde un punto de vista administrativo isto poida constituír unha actuación contraria a dereito (as permutas deben ser voluntarias), está claro que estas non son formas de proceder dunha administración e menos dunha administración educativa: con prepotencia, imposición e sen calcular as consecuencias desde o punto de vista pedagóxico.

En segundo lugar, porque a Consellaría non tivo en conta para nada que no centro todos estaban contentos coa labor desenvolvida pola coidadora, totalmente integrada e con plena dedicación aos alumnos discapacitados que coidaba, como así o testemuñan o comunicado do claustro de profesores e as declaracións dos pais e nais dos alumnos apoiándoa.

E en último lugar, e isto é o máis importante, porque a medida adoptada é completamente antipedagóxica e non beneficia de ningunha maneira ao alumnado implicado ao estar tomada de forma improvisada e na metade do curso, cos problemas que estes cambios levarían para o desenvolvemento persoal e educativo dos alumnos.

Por estes motivos, a CIG-Ensino pídelle á Xefatura Territorial da Consellaría de Educación que reconsidere a súa postura neste conflito e reintegre novamente á coidadora desprazada ao seu centro, polo ben de todos e principalmente dos alumnos.

Exit mobile version