Site icon Crónica3.com A Mariña

A asociación O Castro disposta a liderar a reivindicación dunha residencia e centro de día para Foz

Nota de prensa

¿Que ocorre coa residencia de anciáns de Foz?

Despois do parón do Nadal e de atender compromisos persoais, a Xunta Directiva da Asociación de Veciños “O Castro” de Foz retoma o seu programa de reunións periódicas para tratar aqueles temas que preocupan ós nosos asociados, en particular, e ó pobo de Foz, en xeral. E a creación e posta en marcha dunha residencia de anciáns e dun centro de día en Foz segue a ser un tema pendente e de vital importancia para a nosa vila.

Asistimos todos os días a un cruce continuado de informacións e opinións dados polos nosos políticos, atopándonos no medio dunha batalla e sen saber a que poden aterse os veciños de Foz. E así, un por outro, a casa segue sen varrer. Dinos que hai que facer estudios para ver se a residencia é realmente necesaria, que Foz ten as súas necesidades de atención xeriátrica cubertas, que hai residencias en lugares próximos… pero  non se dan conta de que o que quere a xente de Foz é poder disfrutar da súa vellez no seu pobo e que o asilo non garante a atención necesaria, ben por falta de prazas ben por falta de medios, a pesar dos grandes esforzos que fai o seu persoal.

Como ben dimos a coñecer, a Asociación de Veciños “O Castro” de Foz leva moito tempo poñendo a reivindicación da residencia de anciáns como un dos temas principais na súa liña de traballo, o cal se intensificou nos últimos tres anos co envío de escritos e peticións de reunións ós diversos organismos que están implicados na súa creación. Nin agora nin no seu momento se nos deu resposta algunha polos representantes da Xunta de Galicia, que entendemos que son os últimos responsables na creación e xestión da residencia.

Hai xa meses que se creou un colectivo que aglutinase a todas as entidades asociativas do concello, ben fosen veciñais, culturais, sectoriais ou políticas, e este colectivo puxo en marcha diversas campañas destinadas a obter as respostas que “O Castro” de Foz non obtivera. A día de hoxe preténdese a revitalización de dito colectivo, pois entendemos que a unión fai a forza e se todos unimos os nosos esforzos teremos máis posibilidades de éxito.

A Asociación de Veciños “O Castro” de Foz segue e seguirá loitando para que a nosa vila conte coa residencia de anciáns e o centro de día dignos e respetables que precisa, encontrándose disposta a liderar unha reivindicación que nos beneficiará a todos desde o momento en que se tome a decisión real e efectiva de creala.

Exit mobile version