Site icon Crónica3.com A Mariña

A A.C. A Sombriza de San Cibrao apoia o nomeamento de Isaac Díaz Pardo como fillo adoptivo de Cervo

Nota de prensa

A Sombriza amosa a súa adhesión ao nomeamento de D. Isaac Díaz Pardo como fillo adoptivo de Cervo

A través do presente escrito quixéramos adherirnos ao xusto e máis que merecido recoñecemento do pobo de Cervo, do conxunto das veciñas e veciños deste concello, a un persoeiro imprescindible dentro da nosa historia, que entregou a súa vida, suor, tenacidade e talento, que achegou o inxente capital cultural e humano do que é portador para, entre outras moitas cosas, recuperar o mellor do noso pasado e convertelo en presente e futuro.

Certo é que debuxar a imaxe de D Isaac desde as terras de Cervo implica de seguido imaxinar a Cerámica de Sargadelos, esa xenialidade que nace dos folgos do proxecto industrial de Raimundo Ibáñez e que con tanto acerto soubo recuperar o homenaxeado en compañía de Luís Seoane. Pero o legado de D. Isaac é moito máis grande se cabe dicilo, froito do espírito inquieto dun persoeiro que respira cultura. Na nosa terra, que a partir de hoxe tamén será súa por merecida adopción, tivemos a honra de ser protagonistas destacados do espírito  inquieto deste intelectual, deste artista con maiúsculas.

Por ser o mellor exemplo dunha vida dedicada a un compromiso chamado Galicia. Por ser o mellor exemplo do que debe significar un fillo adoptivo ao que Cervo sempre lle deberá moito máis polo incalculable valor do que del temos recibido e recibiremos. Pola admiración que en toda a veciñanza, entidades culturais e institucións esperta a figura de D. Isaac, por unha vida que representa un revulsivo nestes tempos que precisan máis que nunca de novas ilusións, A Sombriza tamén quere formar parte desta máis que xusta homenaxe a un home extraordinario: D Isaac Díaz Pardo.

Exit mobile version