Site icon Crónica3.com A Mariña

A área de deportes da Deputación porá en marcha a I Copa Deputación de Piragüismo

Nota de prensa

ANTÓN BAO ANUNCIA QUE A ÁREA DE DEPORTES PORÁ  EN MARCHA A

I COPA DEPUTACIÓN DE PIRAGÜISMO

“Despois de 7 anos, volvemos contar cunha proba que implica aos clubs lucenses, o que é unha boa noticia para o noso piragüismo” afirmou Bao

Os clubs Altruán de Ribadeo, Club de Piragüismo de San Cibrao, Kaiak Foz, Club de Piragüismo de Viveiro, Club de Piragüismo Cidade de Lugo e Club Fluvial de Lugo participarán na competición e organizarán as probas

LUGO, 17 de febreiro de 2011. O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, presentou esta mañá no salón de actos do pazo de San Marcos a I Copa Deputación de Piragüismo, na que participarán seis clubs lucenses e que se disputará ao longo de varias probas entre os meses de abril e outubro. Na presentación desta proba, amparada economicamente pola Área de Deportes da Deputación, participaron tamén o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Xosé Alfredo Bea García, e mailo seu delegado en Lugo, Martín Carballo Méndez. Unha vez realizada a presentación da proba, o vicepresidente da Deputación, Antón Bao, así como o presidente da Federación Galega de Piragüismo, asinaron o convenio mediante o cal a Deputación de Lugo compromete a súa axuda económica para a posta en marcha da I Copa Deputación de Piragüismo e a outra parte correrá coa organización. O regulamento oficial desta competición estará dispoñíbel mañá na páxina web da Vicepresidencia 1ª da Deputación www.v1deputacionlugo.org no apartado “documentación”.

Na súa intervención, Antón Bao destacou que “despois de 7 anos, volvemos contar cunha proba que implica aos clubs lucenses, o que é unha boa noticia para o noso piragüismo”. Bao lembrou que desde a chegada ao goberno da Deputación, un dos obxectivos que se estabeleceron desde a súa Área de Deportes foi “a revitalización dun deporte histórico en Lugo, como o piragüismo, comezando por volver a poñer en marcha a escola de Piragüismo que se atopaba en estado de abandono”. Deste xeito, o vicepresidente continuou explicando que “agora os esforzos centráronse en apoiar aos clubs lucenses de piragüismo, auténtico motor do deporte, a través da mediación da Federación Galega de Piragüismo, para organizar esta competición que hoxe se presenta, a I Copa Deputación de Lugo de Piragüismo” e que “agardemos que sexa un primeiro paso de cara ao futuro para que o piragüismo goce en Lugo da saúde que merece”.

O presidente da Federación Galega de Piragüismo, Xosé Alfredo Bea García, pola súa banda, agradeceu o apoio da Área de Deportes da Deputación e a disposición desde un primeiro momento para poñer en marcha esta competición, que servirá para que os clubs lucenses poidan competir no seu territorio e conseguir que cada vez máis rapaces e rapazas se inicien no deporte da piragua.

Martín Carballo Méndez, delegado da Federación Galega de Piragüismo, foi o encargado de pormenorizar o sistema de competición da proba, xa que en boa parte o traballo de contacto cos clubs residiu na súa persoa. A I Copa Deputación de Piragüismo, constará de seis probas (unha organizada por cada club) e comezará o 24 de abril nas instalacións da Escola de Piragüismo das Saamasas, organizada coa colaboración do Club Cidade de Lugo de Piragüismo, e na que xa se prevé que participen ao redor de 100 padeeiros, número que se irá incrementando até chegar aos 200 nas últimas probas.

Calendario de Probas

Datas Proba Lugar
24/04/2011 Regata Lugo (Cidade de Lugo) Lugo
12/06/2011 Regata San Cibrao San Cibrao
14/08/2011 Regata Viveiro Viveiro
03/09/2011 Regata Ribadeo Ribadeo
11/09/2011 Regata Foz Foz
01/08/2011 Regata Lugo (Fluvial de Lugo) Lugo

Categorías e distancias

Kaiakistas homes: Veterano, Sénior, Júnior, Cadete, Infantil A e B, Alevín A, B e Benxamín

Kaiakistas mulleres: Veterana, Sénior, Júnior, Cadete, Infantil A e B, Alevín A, B e Benxamín

Canoístas homes: Veterano, Sénior, Júnior, Cadete, Infantil A e B

Canoístas mulleres: Veterana, Sénior, Júnior, Cadete e Infantil A e B

Distancias das distintas probas:

– 1500mts: Benxamíns, Alevíns A e B

– 3000mts: Infantil A e B

– 5000mts Sénior, Júnior, Cadete

Exit mobile version