¿ Vikingos en Foz ?
Dende hai algúns anos no desfile do sábado de entroido, e no apartado de carrozas, ven distinguíndose sobremaneira a que presenta un grupo, tradicional participante, que se ben ten as súas orixes nos praceres da mesa (o bó xantar e bó beber), Os Larpeiros, así chamados moito antes de xurdir o programa homónimo da TVG, son quen de destapar a ola dos seus coñecementos da historia e da cultura para, coa dose de imaxinación precisa e o esforzo requerido, ofrecer á contemplación dos espectadores, verdadeiras obras de inxenio, moitas delas réplicas das que en determinados momentos históricos, os davanceiro fixeron famosas. E así, en anos sucesivos, polas nosas rúas desfilaron o Cabalo de Troia, o barco do Missisipí, a catedral de San Braulio (Moscú), ou a balea que o ano 1908 aparecera na bocana da ría; unha escena do parisién Moulin Rouge, etc.
Este ano, un impresionante barco vikingo, de 20 m. de eslora, con tódolos pertrechos, velame e decoracións propias da época, acaso nao capitana daquela armada que pola metade do século IX chegara ás nosas costas e dera lugar ó tan coñecido milagre do Bispo Santo, vai espertar a admiración de cantos o contemplen… É unha mágoa que os focegos, ó longo dos tempos, non tivéramos a imaxinación e o inxenio necesarios para poñer en valor o que debería ser a estas alturas un acontecemento de interese turístico da forma en que o é, por exemplo, o desembarco vikingo nas torres do Oeste, en Catoira. A materia prima témola dende tempos inmemoriais; e non é outra que a propia lenda, extensamente divulgada por historiadores, escritores e xornalistas e tamén pola tradición oral. Este feito histórico-lendario, con unha organización responsable e o aditamento dos elementos complementarios: lúdicos, folclóricos e gastronómicos, podería ser o mais soado espectáculo naval do norte de Galicia, da lembranza daqueles tempos bárbaros da antiguedade; referencia histórica de grande interese. Conformémonos con presenciar a “navegación” polas rúas deste barco impresionante, no que durante dous meses traballaron arreo tres persoas, logrando unha obra admirable. Pero en todo caso unha mostra do que puido ser e non é.