Site icon Crónica3.com A Mariña

Xunta e Deputación pechan en máis de 20 millóns de euros o pago da débeda pola xestión dos hospitais

Nota de prensa:
Besteiro e Farjas pechan en máis de 20M€ o pago da débeda da Xunta á Deputación pola xestión dos hospitais

– O Presidente e a Conselleira asinan un convenio que establece que a Xunta debe pagar a débeda adquirida dende o 1 de xaneiro de 2005 ó 31 de decembro de 2010 en 6 anos

– A maiores, o Goberno galego terá que aboar 24,87 euros ó día por cada doente que continúe nas instalacións provinciais dende o pasado 1 de xaneiro

– Malia que nesta data se produciu a transferencia dos traballadores e doentes dos hospitais ó SERGAS, no San José seguen activas as unidades de Mamografía, Saúde Mental, Centro de Día, Radioloxía e Doación de Sangue; e no San Rafael permanecen os 164 pacientes

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, asinaron este martes un convenio de colaboración para pór fin a débeda contraída pola Xunta coa Deputación pola xestión dos hospitais San José e San Rafael. Besteiro e Farjas acordaron deste xeito que a cantidade que o Goberno galego adebeda ó organismo provincial dende o 1 de xaneiro de 2005 ó 31 de decembro de 2010, período pendente de cobro, ascende a 20.027.974 euros. Gómez Besteiro salientou que “na Deputación aunamos cabeza e corazón. Cabeza porque cumprimos a folla de ruta deste equipo de Goberno, así como un dos nosos compromisos políticos do mandato xa que a Lugo deixa de ser a derradeira Deputación de España con Hospitais. Corazón porque entendemos que o desaloxo de San José e San Rafael vai ser progresivo, e o organismo provincial lucense, que entende esta situación, terá sensibilidade no proceso”.

O importe satisfarase en 6 anualidades, realizarase no primeiro trimestre de cada ano, e distribuirase deste xeito: 2.500.000 euros en 2011; 2.500.000 euros en 2012; 3.756.993 euros en 2013, 3.756.993 euros en 2014; 3.756.993 euros en 2015; e 3.756.993 euros en 2016.

Desglose das contas

A Comisión Técnica formada por membros de ambas as dúas administracións, logo de acordar o protocolo marco que guiou o proceso de transferencia dos centros sanitarios lucenses ó SERGAS, tivo en conta os seguintes custos económicos para establecer a cantidade que a Xunta debe aboar á Deputación:

1.- As liquidacións practicadas ó Servizo Galego de Saúde dende o 1 de xaneiro de 2005 ó 31 de decembro de 2009 que estaban pendentes de pago é dicir, os 19.824.886 euros que lles custaron á Deputación os 207 traballadores de San José e San Rafael, así como o mantemento dos inmobles e servizos prestados durante dito prazo.

2.- Os xuros de demora devengados por esta débeda que suman 2.947.417 euros.

3.- A liquidación da facturación de 2010 coa tarifa de 49,75 euros por día que suma un total de 2.015.200 euros. Esta cifra representa o custe das atencións ós doentes durante a súa estancia nas instalacións provinciais dende o 1 de xaneiro de 2010 ó 31 de decembro de 2010.

A este importe resultante, 25.687.503 euros, hai que descontarlle:

1.- O superávit producido no Hospital San José no período 2005-2010 polo exceso da participación no Fondo de Asistencia Sanitaria Estatal sobre os gastos totais do hospital é dicir, 9.076.170 euros que o organismo provincial debe devolver ó Ministerio de Sanidade. Tratase dunha parte da aportación realizada polo Goberno de España dende 2005 para que os organismos que xestionan hospitais non psiquiátricos paguen ó persoal sanitario.

2.-A valoración dos inmobles dos dous centros sanitarios que non son obxecto de traspaso e que, segundo o pactado entre as partes, cífrase en 7.000.000 euros.

Á cantidade resultante, 9.611,334 euros, hai que engadirlle os 10.416.640 euros que o Servizo Galego de Saúde ten que satisfacer á Deputación en 2011, derivados dos compromisos adquiridos no convenio formalizado o 28 de xullo de 2005 para a cancelación de liquidación pendente ata o 31 de decembro de 2004. Isto supón, que a Xunta debe compensar ó organismo provincial un total de 20.027.974 euros.

24,87 euros, nova tarifa 2011

Deputación e Xunta acordaron ademais que o Goberno galego terá que pagar o 50% da tarifa establecida por ambas partes polos servizos prestados ós doentes que continúen nas instalacións provinciais logo do 1 de xaneiro de 2011, data na que se fixo efectiva a transferencia dos centros sanitarios lucenses ó SERGAS. Esta cantidade pasa de 49,75 euros por día, a 24,87 euros por día, porque o organismo provincial xa non se fai cargo dos gastos do persoal sanitario, senón só do mantemento dos inmobles. Trátase dunha cifra fixada durante un período máximo de 6 meses. Logo deste prazo, o Servizo Galego de Saúde tería que pagar as facturas presentadas pola Deputación que derivasen da ocupación dos edificios. Na actualidade, o Executivo galego mantén activas no San José as unidades de Mamografía, Saúde Mental, Centro de Día, Radioloxía e Doación de Sangue. Mentres, no San Rafael permanecen todos os pacientes: 164 persoas que sofren patoloxías psiquiátricas de longa estancia e que, segundo as previsións de Sanidade, proximamente serán levadas a Calde.

Exit mobile version