Nota de prensa
PRESENTACION DO PROGRAMA DE ATENCIÓN FAMILIAR E PREVENCIÓN DA VIOLENCIA NA ADOLESCENCIA PROMOVIDO POLA DEPUTACIÓN DE LUGO CO APOIO DA FUNDACION MENIÑOS PARA DESENVOLVER EN VARIOS CONCELLOS DA PROVINCIA DE LUGO
O acto contou coa presenza da Deputada Provincial e Vicepresidenta Terceira da Deputación Provincial, responsable das áreas de Benestar Social, Igualdade, Xuventude e Turismo, María Xosé Vega Buján, da Concelleira de Muller, Cultura e Educación do Concello de Ribadeo, Mari Luz Alvarez Lastra, e da Directora da Fundación Meniños, Mónica Permuy.
Asistiron asemade os técnicos que están implementando o programa na Mariña, xunto cos equipos dos servizos sociais dos concellos implicados nesta área ( Ribadeo, Foz, Burela e Viveiro), e representantes dos centros docentes de secundaria en Ribadeo.
A Directora da Fundación Meniños, realizou unha exposición sobre as características do programa “Atención familiar e prevención da violencia na adolescencia”.
O PROGRAMA DIRIXESE A:
Nenos, nenas e adolescentes en situación de risco de desprotección e as súas familias, detectados nos Servizos Sociais Municipais ou por outras instancias, e que se axusten a algunha das seguintes circunstancias:
* Adolescentes con absentismo escolar e problemas de conducta.
* Nenos, nenas e adolescentes nunha situación de risco de desprotección, onde a intervención pretende que as familias superen os problemas sociofamiliares.
* Grupos familiares desestructurados que precisen intervención psicosocial intensiva no seu propio ámbito
PERIODO DE EXECUCION
10 meses (de xaneiro a outubro do 2011).
Previamente, e durante os meses de novembro e decembro do 2010, realizouse xa unha primeira toma de contacto para facer unha avaliación, estudo da situación e detección dos casos a tratar nos Concellos onde se traballará.
LOCALIZACIÓN TERRITORIAL
O programa plantéxase dende a Deputación de Lugo para dar atención a varios concellos da provincia de Lugo, seleccionados por ser os de maior número de habitantes da provincia (exceptuando Lugo capital, onde outras entidades traballan xa con menores) e por ter unha poboación xoven, con varios centros de ensino de secundaria. En concreto son:
Zona da Mariña: Concellos de Viveiro, Burela, Foz e Ribadeo
Zona da Ribeira Sacra: Concellos de Monforte, Sarria e Chantada
Zona Centro: Concello de Vilalba
ENTIDADES QUE PARTICIPAN:
A Deputación de Lugo é a promotora do programa, e a Fundación Meniños, a encargada de levalo a cabo. Os Concellos colaborarán co apoio dos profesionais dos servizos sociais municipais (especialmente, educadores familiares), baixo a coordinación da Fundación Meniños e os técnicos do programa especialmente formados por Meniños para este fin, así como proporcionando os locais e equipamento necesario para desenvolver o seu traballo.
NUMERO BENEFICIARIOS DO PROGRAMA:
Nestes primeiros momentos, os técnicos están a atender un total de 56 menores e 30 familias, aínda que se prevé que o número de intervencións ascenda a medida que avance o programa e se detecten máis casos.
OS TECNICOS DO PROGRAMA
O equipo técnico en cada zona está formado por, alomenos, un psicólogo/a, un/ha traballador/a social, e un educador/a de familia; este equipo traballa sempre apoiado polos servizos sociais de base do concello, e coa colaboración dos centros educativos, xa que, son éstes dous colectivos os primeiros que detectan casos de conflicto nos menores e as súas familias.
A Vicepresidenta Terceira da Deputación, María Xosé Vega Buján recalcou a importancia do traballo en rede para o éxito final do programa: dunha banda, os técnicos que están formados na intervención e na mediación familiar, e doutra os docentes e educadores sociais que traballan tanto nos centros educativos como nos servizos sociais de base. Durante o programa, todos eles van a estar coordinados e traballando en equipo na detección, intervención e resolución dos casos que se traten.
Asemade, a concelleira de Muller, Cultura e Educación do concello de Ribadeo, Mari Luz Alvarez Lastra, agradeceu á Deputación a súa iniciativa e sensibilidade fronte a este problema, así como o teren seleccionado ao seu concello para participar no programa. Destacou a necesidade de contar con actuacións deste tipo por parte das administracións públicas para poder afrontar os problemas, cada vez máis crecentes, relativos á conflictividade nos menores e as súas familias na sociedade actual, e reclamou unha maior coordinación entre os diferentes axentes implicados na educación e intervención social
¿QUE É A FUNDACION MENIÑOS?
Fundación Meniños é unha entidade de acción social que traballa polos dereitos da infancia e da adolescencia en situación de dificultade social, contribuindo a xerar cambios que procuren un ambiente familiar de seguridade e afecto.
Conta cunha traxectoria de 14 anos desenvolvendo esta misión en Galicia, Asturias e Madrid, colaborando coas institucións e Administracións Públicas no desenvolvemento das políticas de protección a Infancia, a través de programas especializados de intervención familiar.
Os seus equipos de traballo son interdisciplinares, contando con profesionais da psicoloxía, pedagoxía, traballo social e educación social, e están especializados en intervención familiar