Nota de prensa:
ALFREDO LLANO AMÓSASE SATISFEITO CO PLAN LUGO EMPREGA DA DEPUTACIÓN, QUE PERMITIRÁ DAR TRABALLO A UNHA VEINTENA DE PERSOAS DURANTE 6 MESES NA VILA.
Burela, 4 de xaneiro de 2011. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, amósase satisfeito co plan Lugo Emprega da Deputación, que permitirá dar traballo a unha veintena de persoas durante seis meses na vila. O rexedor asegura que “tentaremos axilizar todos os trámites para que poidan comezar a traballar o vindeiro mes de febreiro”.
Llano sinalou que “o Concello de Burela adheríuse, como é normal, ao plan Lugo Emprega da Deputación, que favorecerá que 20 ou 22 persoas poidan traballar na nosa vila. É unha boa noticia porque tal e como está a situación a inversión en emprego é ben recibida e sinceramente eu a nivel persoal penso que é unha medida extraordinaria, canto máis poidamos investir en emprego mellor será para todos”. O rexedor engadiu que “os contratados en Burela serán repartidos en obras, xardinería ou servizos múltiples, entre outros. Tentaremos diversificar e aproveitar ao máximo este plan. A inversión que se realizará en Burela ascende a 217.000 euros, é unha boa cuantía para garantir durante 6 meses emprego a esa veintena de persoas e iso sempre é moi bó”.
Alfredo Llano engadiu que “o Concello de Burela está satisfeito con este plan e procuraremos, entre esta iniciativa e outras que poidan vir, beneficiar ao máximo posible aos nosos veciños, favorecendo a empregabilidade, o ánimo e o optimismo cara o futuro”.