Nota de prensa:
NO PLENO FOI APROBADA DEFINITIVAMENTE A ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POR ESTACIONAMENTO DE VEHÍCULOS NA ZONA ORA E INICIALMENTE O REGULAMENTO ORGÁNICO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ DO CONCELLO DE RIBADEO.
Ribadeo, 18 de xaneiro de 2011. No pleno de onte foi aprobada definitivamente a ordenanza fiscal reguladora da taxa por estacionamento de vehículos na zona ORA e inicialmente o regulamento orgánico de participación cidadá do Concello de Ribadeo.
O alcalde, Fernando Suárez, destacou “a importancia de moitos dos asuntos debatidos e todas as propostas da alcaldía sairon adiante ou ben por unanimidade ou ben por unha ampla maioría. É de valorar o comportamento que tiveron o resto de grupos municipais, xa que a poucos meses dunhas eleccións é normal que se encendan as alarmas, que se produzan certos rifirrafes e certas tensións ás veces provocadas, pero en asuntos de interese e importancia para todos os veciños sí que brilou a madurez de todos os grupos da Corporación”.
O rexedor subliñou “a aprobación definitiva da zona ORA e tamén que por fin Ribadeo vai ter un regulamento de participación veciñal, que entra agora en fase de exposición pública para posibles alegacións. E quero destacar que a Escola de Música de Ribadeo, unha das máis importantes de toda Galicia, vai contar cun regulamento de réxime interno e un proxecto educativo de centro”. Suárez Barcia explicou que na sesión plenaria ordinaria de onte “a petición da comunidade de montes de Ove iniciamos os trámites para proceder á entrega da parcela do antigo vertedoiro municipal e a subrogación de todas as responsabilidades que da súa titula se poidan derivar. E aprobamos de xeito inicial senllos convenios urbanísticos nunha parte importante da mazá interior entre Avenida de Galicia e Pintor Fierros, que tamén produto do diálogo da comisión informativa de urbanismo celebrada hai un mes acordamos entre todos os grupos darlle luz verde a estas propostas que suporán, de aprobarse o Plan Xeral de Ordenación Municipal máis cedo que tarde, unha dotación pública importante para o concello de Ribadeo. É de destacar a aportación de todos os grupos, a conformidade e o visto bó que lle deron todos, aínda que agora irá a exposición pública e logo voltará ao pleno para a súa aprobación definitiva”.
Sobre o apartado de rogos e preguntas Fernando Suárez dixo que “algúns eran totalmente razonables e outros propios da época preelectoral na que estamos, pero en todo caso fago unha moi boa valoración do pleno de onte”.