ANTONIO VEIGA ASISTIU AO RELATORIO DO SELECCIONADOR ESPAÑOL DE FÚTBOL SALA, JOSÉ VENANCIO, NO I ENCONTRO DO DEPORTE BASE NA MARIÑA
O evento celébrase durante o día de hoxe en Burela, organizado polo CD Burela FS
BURELA, 22 de Xaneiro de 2011. O delegado de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, asistiu esta mañá xunto coa concelleira de Deporte de Burela, Neves Cando, ao relatorio de José Venancio López Hierro, seleccionador español de fútbol sala, no hotel Nordés de Burela, que se enmarca no I Encontro do Deporte Base da Mariña.
Este evento, que se celebra durante o día de hoxe en Burela, está organizado polo CD Burela FS e comezaba ás 10:30 desta mañá co relatorio e posterior charla-coloquio titulada “Do fútbol sala de base á elite”, no que participou José Venancio e adestradores e adestradoras de primeiro nivel. Ás 12:45 horas, tivo lugar unha sesión práctica dirixida ao alumnado da ED EON Burela FS, baixo o título de “A análise do xogo e a toma de decisións individual e colectiva” no pavillón do vista Alegre.
Pola tarde, José Venancio asinou autógrafos e foi nomeado socio de honra do club. Ás 17.00 horas celebrouse o partido da 21ª xornada de prata Burela FS – Uma Antequera, e ás 20:00 horas o de 15ª xornada Burela FSF – UCAM Murcia.