Nota de prensa:
ANTONIO VEIGA RECIBIU AO PENTATLETA CRISTÓBAL RODRÍGUEZ NO MUSEO DO MAR DE SAN CIBRAO
O delegado de Deportes da Deputación de Lugo felicitou ao viveirense por un ano cheo de triunfos, onde se fixo co campionato de España absoluto e júnior de Péntatlon Moderno
SAN CIBRAO, 4 de decembro de 2011. Esta mañá o delegado de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, recibiu no Museo do Mar de San Cibrao ao pentatleta de Viveiro, Cristóbal Rodríguez, para facerlle un recoñecemento público por todos os éxitos que colleitou ao longo de 2010, e que incluíron o campionato absoluto de España de Péntatlon Moderno nas categorías absoluta e júnior.
Antonio Veiga quixo felicitar polos seus éxitos, froitos dun intenso e duro traballo deportivo, a Cristóbal Rodríguez, quen acudiu á recepción acompañado dos seus pais, que se amosaron igualmente orgullosos do seu fillo deportista por este novo recoñecemento. Veiga destacou que os mariñaos e lucenses deben estar moi orgullosos porque se trata dun exemplo de superación deportiva desde unha idade moi temperá, xa que Cristóbal aínda cumpre en 2011 vinte anos, e é de xustiza recoñecer todo o traballo que ten detrás lograr os éxitos que acadou, polo que se abriu para iso o Museo do Mar tamén como punto de encontro que é de moitas persoas da mariña.
Pola súa banda, tanto Cristóbal Rodríguez como a súa familia agradeceron o xesto da Área de Deportes da Deputación de Lugo, a través do seu delegado Antonio Veiga, para facer esta pequena distinción e recoñecemento. Das mans de Antonio Veiga recibiron un pequeno agasallo e fixeron unha fotografía para o recordo nas dependencias do Museo do Mar de San Cibrao.
Cristóbal Rodríguez foi 17 veces Internacional até agora e é membro do equipo español desde 2006, sendo convocado 26 veces para concentracións internacionais co equipo español. Membro da selección galega de Péntatlon Moderno, foi o primeiro galego con licenza e ficha con Galiza en conquistar un Campionato de España absoluto e o primeiro galego e español en obter unha medalla continental en Dúo Mixto. Ademais, representou a España en 5 Campionatos de Europa, 2 Campionatos do Mundo e 1 Copa do Mundo absoluta. Obtivo tres veces o galardón a Mellor Pentatleta Galego Absoluto e é o actual campión de España absoluto e júnior de Péntatlon Moderno