Nota de Prensa
XORNADAS DE XESTIÓN CULTURAL PÚBLICA INCLUSIVA E ACCESIBLE: Pelexar polo posible, loitar polo invisible
Organiza: Rede Museística Provincial
Espazos onde se desenvolverán: Museo Provincial do Mar, Museo Pazo de Tor e Museo San Paio de Narla.
Coordinación: Encarna Lago González, xerente da Rede Museística
O encontro próponse desde unha perspectiva aberta e plural, para se converter non só nunhas xornadas informativas, senón tamén nun foro de debate sobre xestión cultural pública inclusiva e accesibilidade. ¿Cúmprese a lexislación? Museos inclusivos, multiculturalidade, diversidade… buscamos reflexionar sobre o que poden ofrecer os nosos museos actuais diante desta problemática.
Nos últimos vinte anos desenvolveuse a “Nova Museoloxía”, unha corrente que busca a democratización dos valores e os produtos culturais. Os museos cambiaron o seu centro de interese do obxecto ao visitante: multiplicáronse as exposicións temporais, os “eventos” e asemade a tecnoloxía audiovisual invadiu espazos onde antes reinaban vitrinas cheas de obxectos.
As novas formas de visitar o museo son cada vez máis “atractivas” e van logrando obxectivos, pero no camiño esqueceuse facer chegar esta mensaxe a un amplo colectivo de persoas. Persoas que teñen algo en común, persoas que non poden gozar por igual, que presentan algún tipo de discapacidade ou outros grupos que se atopan en risco de exclusión social e que quedaron no esquecemento, como ben sinala o profesor Espinosa “O interese pasou do obxecto ao visitante, pero non a todos os visitantes”. Paremos a preguntarnos todos, xestores, técnicos, etc…se na práctica museística, cando se xestiona, se deseña e se teñen en conta a diversidade social, a diversidade de capacidades, de idades, de culturas e de xéneros.
(O arquivo que adxuntamos é un exemplo dun dos pictogramas para explicar o museo do mar aos afectados de autismo)
Na Rede Museística Provincial de Lugo levamos moitos anos loitando por facer os nosos museos accesibles, pelexando polo posible, loitando polo invisible, tratando de exercer a nosa responsabilidade social como centros públicos.
Estas xornadas pretenden expor, analisar e debater sobre esas necesidades, demandas e reinvidicacións dos colectivos con discapacidade e con risco de exclusión social para acceder á cultura.
A Rede Museística quere ser socialmente responsable e contribuir a fomentar o debate ao redor da necesidade de desenvolver unha política de boas prácticas na xestión das institucións culturais.