Site icon Crónica3.com A Mariña

Obituario: O meu amigo Modesto

Modesto Rivera nos deixaba, repentina e silenciosamente, nos primeiros días deste novo ano 2011. Marcha un amigo, un veciño, un home exemplar e unha persoa que soubo como ninguén transmitir a paixón polo mundo do mar.

Méritos salientables no ámbito profesional non lle faltaron: Intelectual, doutor en Dereito e membro da Academia de Xurisprudencia e Lexislación Galega xa, de moi novo, demostrou ser un namorado desta terra e do seu mar. Procurador en Cortes, representante precisamente do sector pesqueiro, tivo a responsabilidade de xestionar a Secretaría de Pesca e Mariña Mercante da Unión Nacional de Cooperativas do Mar. Negociador decisivo dos tratados pesqueiros con Marrocos, desempeñou a Xefatura de Servizo de Estudos Económicos e Comerciais da Subsecretaría de Pesca e Mariña Mercante e a Subdirección Xeral de Economía e Planificación Pesqueira. Foi inspector xeral de Ensinanzas Náutico-Pesqueiras, asesor executivo do Ministerio MAPA, coordinador parlamentario, é autor de varias publicacións especializadas.

Pero sen dúbida hoxe cómpre lembrar tamén a súa grande calidade humana. Home de boa conversa sempre nos ensinaba algo novo. Mestre inesgotable e mellor persoa aínda, debuxan o perfil e a imaxe dun home do que desde A Mariña, esta a súa terra que o veu nacer e agora o recolle, non podemos máis que lamentar a súa perda. Modesto Rivera vivía a cabalo de Madrid e San Ciprián onde pasaba longas tempadas, moi probablemente porque alguén como el non podía renunciar a ver o horizonte azulado deste Cantábrico que cobra especial intensidade na Península da Paz, o seu pobo, a súa vila, ás súas xentes.

Ao longo da súa vida ten recibido múltiples recoñecementos e diversas condecoracións, como a Cruz Cisneros ao mérito político, a Medada das Cortes, a Medalla de Prata da Organización Sindical e a Áncora de Prata da Real Liga Naval Española. Pero sen dúbida o mellor dos recoñecementos é a inmensa gratitude e honra que quedan naqueles que tivemos a fortuna de coñecelo, de gozar da súa compañía. A súa imaxe, o seu exemplo, a súa valentía, a súa inmensa fortaleza de espírito e ese xeito especial de facer poesía da pesca e do mundo do mar nunca poderemos esquecelos.

Non é morrer habitar nos corazóns dos amigos que deixas atrás, así que Modesto Rivera convértese por méritos propios nun persoeiro inmortal. Para San Ciprián, para Galicia, para o mundo do mar en España. Para todos aqueles que tíñamos a inmensa fortuna de dicir “o meu amigo Modesto”.

José Manuel Balseiro Orol

Exit mobile version