Nota de prensa
A PAVIMENTACIÓN DA PRAZA DOS CAMPOS PODERÍA COMEZAR A VINDEIRA SEMANA
* Os responsables locais dixeron que so falta por instalar a rede de subministro de gas cidade para que se poda iniciar a urbanización deste novo espazo público
* Tamén sinalaron que ao longo desta semana se rematarán os traballos de mellora na rede de subministro de auga no lugar da Pena, en Lieiro
Cervo, 26 xaneiro de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, afirmou no día de hoxe que os traballos de construción da futura Praza dos Campos de San Ciprián marchan a un bo ritmo. Segundo indicou, actualmente xa están instaladas tódalas canalizacións de abastecemento de auga, saneamento, subministro eléctrico e de rede telefónica. “Unicamente restan por colocar as canalizacións e acometidas de gas cidade naqueles edificios do contorno da praza” precisou o rexedor. Por este motivo, Concello e responsables das obras xa se puxeron en contacto coa empresa subministradora do servizo para que procederan a instalar este servizo naqueles puntos que o precisen.
Unha vez rematen estes traballos de instalación das redes de servizos básicos e subministros, as obras proseguirán coa pavimentación da praza con formigón, para despois comezar a colocar os distintos solos cos que se vai a dotar este espazo público. “Contamos que estes traballos podan comezar na vindeira semana ou a seguinte” adiantou Villares.
Subministro no lugar da Pena
Por outra banda, o alcalde cervense tamén indicou que o Concello iniciou esta semana os traballos de mellora na rede de abastecemento de auga no lugar da Pena, na parroquia de Lieiro. “Esta é unha zona con varias vivendas que viñan padecendo dende sempre problemas de presión no seu subministro de auga. Con estes novos entronques que se están facendo estes días creemos que quedará definitivamente solventado este problema” asegurou. Segundo indicou, estas obras de mellora na rede de auga finalizarán esta semana e a continuación procederase ao aglomerado das vías por onde se están a executar ditos traballos.