O TITÁN MOSTOLEÑO RECALA EN VISTA ALEGRE
O cadro de Javier Pardeiro comeza a segunda volta por todo o alto, con espectáculo futbolístico garantido ante o campión de inverno da División de Honra. O Burela FS poñerá a proba mañá a imbatilidade do titán mostoleño, que recala en Vista Alegre na décimo sexta xornada (18.30 horas).
Dende a cuarta praza, as pupilas de Pardeiro (30 puntos) loitarán con todos os seus recursos para neutralizar a invencibilidade das madrileñas, rival que xunto ao liderado tamén ostenta os títulos de segundo máximo goleador, por detrás do Cajasur Córdoba, e segundo menos goleado, despois do Ponte Ourense. As burelás tentarán suplir as ausencias de vestiario co apoio da casa, xa que a de mañá non se presenta como a mellor xornada para o banco laranxa. Xunto á baixa de Ro, que evoluciona favorablemente da súa lesión, o técnico mariñán tampouco poderá contar con Vanessa, á que lle foi detectada unha rotura fibrilar. Seria dúbida será Cuchi, por unha escordadura de metatarsiano. Tamén arrastra molestias de abductores Alba.
Segundo a información facilitada polo Móstoles FSF, a ala-pivote Ione Sánchez causou baixa debido a motivos persoais tras chegar a un acordo para rescindir o contrato. O adestrador madrileño, David Zamorano, destacou a traxectoria das laranxas: “Realizaron unha espectacular primeira volta (…). Non debemos ter medo; motívannos as citas de nivel coma esta xa que poñen a proba a nosa capacidade e confianza”, dixo o técnico.
O outro gran partido da xornada será para o duelo entre terceira e segunda posición, Valladolid (32) e Ponte Ourense (42). Por detrás das mariñás, moi preto, o Atlético de Madrid Navalcarnero (quinto, 29) visita o Cidade das Burgas (sétimo, 22).
Minuto de silencio. Antes do asubío inicial que dará comezo á cita Burela FSF-Móstoles, o pavillón Vista Alegre gardará un minuto de silencio polo repentino falecemento do mozo deportista, de 22 anos, Rubén Fernández, curmán da xogadora Ro Carballés e sobriño do directivo Javier Otero. O CD Burela FS quere expresar as súas máis sinceras condolencias a familiares e amizades.