Site icon Crónica3.com A Mariña

O San Blas

O día 3 do vindeiro mes celébrase no barrio de Vilaxoane a que é a primeira das festas do calendario anual do concello focego: o San Blás. A ermida, sinxela, pero moi coidada e conservada, dado sobre todo o interese dos veciños,atópase ó inicio da estrada que conduce á igrexa de San Martiño. Trátase dunha soa nave cuberta de madeira ás dúas augas, con arco de trunfo e capela maior. Nela pódense ver as imaxes de San Blas, San Xosé, San Roque e a Virxe co Neno, estas dúas do século XVIII. Posúe retablo barroco dun só corpo con catro columnas salomónicas, na que se contempla un Cristo no alto e unha imaxe de San Caetano do XVIII. As imaxes viñeron de Nápoles, según contan as crónicas, que atribuen a construcción da capela ó “Oidor” Saavedra, Conde de Gimonde, Conselleiro que foi nas Indias e según a tradición débese o nome de Vilaxoane a unha filla dos seus devanceiros chamada Xoana, na honra de quen o lugar levaría o nome de Villajuana.A do San Blás é unha romería entrañable á que acude un numeroso xentío da vila e a bisbarra, pois en boa medida pervive a crenza de que o Santo é abogoso das doenzas da gorxa , ó que os crentes se encomendan ó tempo que se realiza o rito de “poñer o Santo”.
O aspecto lúdico xira en torno ós bailes que hai motos anos tiñan `por escenario a “aira de Morán”, que mais tarde, pasaron ó salón da Corredoira, onde tiña lugar o “baile da escoba” que se ben non era espectáculo artístico, nen estético, era divertido e xocoso: chegou a ser moi popular. O tempo frío, de choiva, desapacibre que é frecuente deixou unha referencia histórica: No ano 1954 caeo no noso contorno a mais grande nevarada que recordamos; tanto que naquela ocasión non se celebrou a festa pois a orquestra non chegou ó punto de destino…Hoxe unha gran carpa protexe das inclemencias e nela ten lugar tamén o “día dos callos”, que co “pan de San Blas” son nestas datas os atractivos gastronómicos. Esperemos que este ano se porte mellor, e se poda facer aquela encomenda: ” Se vas o San Blas / traeme un San Blasiño / que non sexa moi grande / nen moi pequeniño”.

Suso Fernández

Exit mobile version