Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo lamenta que o alcalde adopte resolución sen informes técnicos nin xurídicos

Nota de prensa:
O PSOE CERVENSE LAMENTA QUE O ALCALDE ADOPTE RESOLUCIÓNS SEN INFORMES TÉCNICOS NIN XURÍDICOS
Lara Méndez advirte a Villares que acudirá ás instancias xudiciais sempre que considere que o Concello vulnera dereitos dos veciños ou que aplica trato de distinción

CERVO, 18 DE XANEIRO. A portavoz do Grupo Municipal Socialista de Cervo, Lara Méndez, defende a necesidade de promover a investigación xudicial sobre determinadas decisións adoptadas polo Concello, por mor do xeito “sospeitoso” co que foron levadas a termo. Neste sentido, advirte ó Alcalde de que seguirá a promover a investigación xudicial sempre que considere que o Concello vulnera dereitos dos veciños ou que aplica trato de distinción.

Méndez refírese así ó recurso xudicial presentado polos socialistas contra o cambio de titularidade dunha licenza de taxi autorizada en Comisión de Goberno. A portavoz socialista esgrime que a solicitude correspondente “fora presentada o mesmo día da Comisión de Goberno, confeccionada por ou no Concello, e resolta en Comisión de Goberno sen informe xurídico ou técnico algún”.

A representante do PSOE de Cervo afirma que “a resolución é tan chamativa que do propio contido da solicitude e sen incorporar documento algún máis, debería ter sido desestimada, pero sen embargo foi estimada, coa simple cita dun precepto xurídico por parte do señor Alfonso Villares”.

A xuízo de Méndez, isto resulta “aínda máis chamativo, posto que se hai algo que caracteriza ó Alcalde é a dubidosa interpretación que realiza das normas, de aí que o Concello de Cervo ostente un posto preeminente no ranking de litixiosidade”.
Expediente instado “polo condutor do xefe do Alcalde”

Lara Méndez argumenta que o expediente tramitado foi chamativo ata o punto de que era promovido “polo condutor do xefe do Alcalde, o señor Balseiro”. Engade ademais outras cuestións que, ó seu ver, contribúen a crear “sospeitas” sobre a tramitación do referido expediente:

“O Concello alegou que os recorrentes non tiñan lexitimidade para recorrer, o cal lle foi desestimado. O señor Balseiro intentou por todos os medios non ter que ir testificar, o cal lle foi desestimado. Ademais, no expediente non figura ningunha referencia á data da licenza, e tampouco na contestación á demanda se di nada ó respecto. Tivo que ser o condutor do señor xefe do Alcalde o que o alegara”, explica Lara.
Advertencia a Villares

Lara Méndez recomendou a Alfonso Villares “que tome boa nota”, xa que o PSOE cervense seguirá a investigar se as resolucións adoptadas polo Concello en asuntos idénticos recibiron o mesmo trato que esta solicitude de cambio de licenza de taxi.

“Intentaremos coñecer cales foron as causas do sospeitoso actuar do Concello. E esixiremos que todos os expedientes dos veciños de Cervo sexan tratados coa mesma disposición, celeridade e prontitude”, advirte.

Por último, Méndez reitera que o Grupo Municipal Socialista acudirá ás instancias xudiciais “sempre que consideremos que se vulneran os dereitos dalgún administrado ou exista un trato de distinción”.

Exit mobile version