Nota de prensa
Barreiro: “o mellor para Mondoñedo é que o Partido Popular recupere a maioría absoluta”
Mondoñedo, a 20 de xaneiro de 2010.- O presidente dos populares lucenses asegurou hoxe durante a presentación de Elena Candia como cabeza de lista ás vindeiras eleccións municipais “que o mellor para Mondoñedo é, sen ningunha dúbida, que o Partido Popular recupere a maioría absoluta”.
José Manuel Barreiro argumentou esta afirmación indicando que o bipartito mindoniense adicouse “exclusivamente” a endebedar ó concello e “a vivir das rendas herdadas do Partido Popular porque durante estes case catro anos non hai ningunha actuación relevante que sexa resultado da súa xestión propia e encamiñada a xerar riqueza, fixar poboación e mellorar a calidade de vida dos veciños”.
Na súa opinión, unha “mostra inequívoca” da “nula capacidade de traballo, concordia e ideas” do equipo de goberno é que a mediados do mes de xaneiro de 2011 o concello aínda está a funcionar co orzamento prorrogado do 2009. “Esto é o que dan de si os matrimonios de conveniencia de nacionalistas e socialistas ou de socialistas e nacionalistas, que o mesmo dá”, asegurou. “Non lles importa o benestar dos veciños, o único que lles importa e asegurarse o sillón. Fixérono durante a súa etapa na Xunta e estano a facer na Deputación de Lugo: pouca xestión e moito despilfarro, seguindo ó pe da letra o modelo Zapatero que, hai que decilo claramente, está a arruinar o país e, o que é peor, hipotecando o futuro de todos a moitos anos vista”.
Barreiro, tras salientar que en 2007 o PP quedouse a “só un puñado de votos” de acadar o quinto concelleiro, insistiu na idea de que o vindeiro mes de maio “non nos chega con gañar. Temos que arrasar porque, do contrario, os perdedores xuntaranse para facer goberno e para seguir preocupándose moito de si mesmo e moi pouco dos veciños ós que representan e teñen a obriga de defender”.
O presidente dos populares lucenses explicou que ó bipartito mindoniense “encheuselle a boca dicindo que ían poñer ó día a contabilidade do concello, que lle ían sacar os colores ó goberno do PP que os precedeu, pero a realidade é que unha cousa é o que dixeron na campaña e outra moi distinta o que fixeron: a auditoría aínda hoxe está por presentar, pese a complementalo no seu programa electoral e eso que Elena Candia e os seus compañeiros do grupo municipal popular apremiaronos para que a fixeran. Se non actualizaron as contas como prometeron, por algo será e será que non estaban tan mal como dicían”.
“Outra cousa será”, engadiu, “cando toque facer balanzo dos seus catro anos de goberno e se saiba realmente a cánto ascende a débeda do concello”. “Esa tarefa tocaralle facela a Elena a partir do mes de maio porque os veciños de Mondoñedo decátanse perfectamente de que non están os tempos para desaproveitar oportunidades nin para malgastar os cartos, e estou seguro de que ela actuará con responsabilidade e será capaz de volver a poñer a Mondoñedo no bo camiño, de xerar ilusión e de colocar a este concello na senda do progreso e do futuro”, concluiu.
Elena Candia López
Naceu en Mondoñedo o 3 de febreiro de 1978. Está solteira.
É licenciada en Dereito e traballa no sector asegurador.
Entrou a formar parte da corporación de Mondoñedo en 2003, asumindo a área de servizos sociais e promoción do emprego. En 2007 xa encabezou a candidatura do Partido Popular.