Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Lugo avoga por anular a devolución dos anticipos do Estado de concellos e Deputación

Nota de prensa:
O GPPP avoga pola anulación da devolución dos anticipos do Estado de concellos e Deputación, que ascende a 56 millóns de euros

Lugo, a 23 de xaneiro de 2011.- O Grupo provincial do Partido Popular levará ó pleno do vindeiro martes unha moción pola que insta á Deputación a dirixirse ó Ministerio de Política Territorial do Goberno de España para solicitarlle que deixe sen efecto a liquidación negativa correspondente á Participación nos Ingresos do Estado dos anos 2008 e 2009 ou que, no seu defecto, se adíe o pagamento da cantidade a devolver ata que exista un crecemento económico por riba do dous por cento anual nun prazo de dez anos.

Os populares argumentan na súa proposta que, segundo a estimación realizada pola Xunta, o Goberno central vai reclamar 322 millóns de euros ás entidades locais de Galicia pola liquidación da Participación das entidades locais nos Ingresos do Estado 2009, que se suman ós 106 millóns que lle pedíu en 2008. Isto significa que a Deputación provincial de Lugo terá que devolver máis de 21 millóns de euros polos anticipos de 2009 mentres que os concellos da provincia deberán reenbolsar case 21 millóns de euros. En total máis de 42 millóns de euros. Salientan ademais que polos anticipos do ano 2008 a Deputación deberá devolver 7,1 millóns de euros, mentres que para os concellos esa cantidade ascende a 6,8 millóns, o que suma 14 millóns de euros.

As entidades locais da provincia de Lugo deberán devolver en total polas liquidacións da participación nos ingresos do Estado do 2008 e do 2009, segundo recalcan dende o GPPP, 56 millóns de euros.

Os populares puntualizan que esta devolución débese ós erros de planificación da política económica do goberno de Zapatero, e advirten de que suporá unha carga inasumible para os concellos nun momento no que ven minguar os seus ingresos como resultado da crise económica.

Exit mobile version