Nota de prensa:
Os populares unen a súa voz ao sector pesqueiro para alertar das consecuencias sociais e económicas pola “tendencia a baixa” no reparto comunitario de cotas e totais admisibles de capturas
O GRUPO POPULAR INTERÉSASE POLA VALORACIÓN E XESTIÓNS QUE SE TEÑEN PREVISTO DESENVOLVER TRAS O FRACASO DO MINISTERIO NA NEGOCIACIÓN DAS COTAS PESQUEIRAS PARA 2011
o Os populares consideran que Rosa Aguilar non estivo á altura na defensa dos intereses da nosa flota, lembran que foi Estremadura unha comunidade sen mar que representou ás autonomías e insiste en que o Ministerio non pode renunciar a desenvolver políticas efectivas que permitan manter o emprego e riqueza
Santiago, 19 de xaneiro de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Popular de Galicia, Jose Manuel Balseiro Orol, rexistrou unha iniciativa parlamentaria na que se interesa pola valoración e xestións que ten previsto desenvolver a Xunta tras o “fracaso” do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM) na negociación das coutas pesqueiras para 2011.
Os populares unen así a súa voz a do sector pesqueiro que en días pasados, en Galicia, e a través das súas organizacións máis representativas, alertaban das graves consecuencias sociais e económicas pola “tendencia á baixa” no reparto comunitario de cotas e totais admisibles de capturas (TAC).
Segundo o PPdeG a nova ministra do ramo, Rosa Aguilar, “non estivo á altura” na defensa dos intereses da nosa flota. Balseiro non atribúe directamente esta circunstancia “á falta de experiencia da Ministra” -recentemente nomeada- pero si lembra que o Goberno central impediu que á Delegación Española no Consello de Ministros da UE puidera incorporar como asesor algún representante da Xunta ou dunha comunidade autónoma marítima.
“O Executivo que preside o socialista Rodríguez Zapatero cometeu o grave erro de incluír a Estremadura, unha comunidade autónoma sen mar, e sen experiencia no ámbito da xestión pesqueira, para asistir á Ministra nun Consello Europeo” –explicou Balseiro- “todo iso, pese a que era o foro onde se estaba a decidir unha cuestión fundamental para o futuro do sector pesqueiro español e, nomeadamente para o sector pesqueiro galego”.
RESULTADO NEGATIVO PARA GALICIA
O resultado dese Consello Europeo foi “francamente negativo” para as especies comerciais que captura a flota galega. Baixa un 5 por cento o cota para o gallo e o peixe sapo e prodúcese un drástico recorte en canto ao lirio. As cantidades para esta especie experimentan unha caída media do 90 por cento. No caso da pescada malia que a UE acordou aumentar un 15 por cento a cota en augas ibéricas (mar Cantábrico, Galicia, Portugal e Golfo de Cádiz) mantén a mesma cota que en 2010 para a pescada do norte (Gran Sol, Escocia, Irlanda e augas non españolas do Golfo de Biscaia) pese a que os informes científicos aconsellaban tamén un significativo aumento.
Jose Manuel Balseiro insiste en que “demostrada a incapacidade do Goberno central”, é a quenda da Consellería do Mar –dentro do ámbito das súas competencias- que debe en todo caso recordarlle ao Ministerio “que non pode renunciar á súa responsabilidade de desenvolver políticas efectivas que permitan manter o emprego e riqueza asociada ao sector pesqueiro”. Balseiro concluíu sinalando “que a nosa flota está en risco, pola mala negociación do Executivo socialista en Europa e a perda significativa de credibilidade, de poder de decisión e influencia de Zapatero”.