Nota de prensa:
Barcia di que os deputados socialistas terán que explicar ante o sector pesqueiro a razón do seu silencio no pleno de onte
Lugo, a 26 de xaneiro de 2010.- A intervención do voceiro do Grupo socialista provincial durante o debate da moción sobre a reducción de capturas nas pesquerías de cabala e lirio na flota pesqueira da Mariña lucense, levada onte a pleno polo BNG, denota a “total ausencia de sensibilidade e compromiso” do PSOE cun sector estratéxico para toda a provincia de Lugo e non únicamente para a comarca da Mariña.
O voceiro adxunto dos populares na Deputación reprochou a Antonio Gato “a falla de contido e de argumentos esgrimidos durante a súa exposición á hora de referirse a un sector que move máis de cen millóns de euros ó ano”, independentemente de valorar “moi positivamente” que a moción recibira o respaldo unánime de toda a corporación provincial e mesmo o feito de que a enmenda proposta polo grupo popular fora aceptada polos nacionalistas.
Se para Barcia a actitude de Gato resultou cuestionable, tamén calificou de “inxustificable” o “mutismo” baixo o que se parapetaron os deputados socialistas mariñáns á hora de tratar este asunto. “Deberán explicarlle ós representantes do sector pesqueiro, que está a pasar por moitas dificultades, a razón do seu silencio”, apuntillou.