Nota de prensa
APROBADA POR UNANIMIDADE A MOCIÓN PRESENTADA POLO BNG RELATIVA Á REDUCIÓN DE COTAS DA CABALA E LIRIO
O BNG defendeu no pleno da Deputación unha moción para que o goberno do Estado tente incrementar as cotas de cabala e lirio, especialmente, garanta a actividade extractiva até o 31 de decembro de 2011 e a viabilidade dos diversos segmentos (arrastre litoral, baixura, cerco, Gran Sol) da flota pesqueira galega
Tódolos grupos con representación no Pleno da Deputación PP, PSOE e os deputados non adscritos aprobaron a proposta presentada polos nacionalistas
Lugo, 25 de xaneiro de 2011. O pleno da corporación provincial aprobou por unanimidade a moción presentada polo grupo provincial do BNG relativa aos recortes das cuotas de pesca da cabala e o lirio. A través desta moción a Deputación de Lugo demanda do goberno do Estado que adopte as medidas precisas para posibilitar o incremento das cotas de pesca asignadas para o ano 2011 á flota pesqueira galega (nomeadamente no caso do lirio e a cabala, mais tamén no caso da pescada, xurelo, bertorella e outros) a través do método preciso (corrección de TAC’s e cotas nunha nova reunión do Consello de Ministros da UE, intercambio de cota, reasignación, etc.) que garanta a actividade extractiva normal até o 31 de decembro de 2011 e a viabilidade dos diversos segmentos (arrastre litoral, baixura, cerco, Gran Sol) da flota pesqueira galega.
Na moción presentada polo BNG recolleuse a posibilidade de que no caso de non se efectivice a posibilidade de incremento de cotas, que a Xunta de Galiza articule -en colaboración co Goberno español- un programa que garanta, a través de axudas a armadores e tripulantes e outras medidas, o mantemento da flota, dos postos de traballo directos e inducidos que esta xera, e das actuais cotas de mercado.
Antonio Veiga, portavoz do Grupo Provincial do BNG, fixo fincapé en que esta decisión de rebaixar a cota de pesca “é totalmente política, non é porque escaseen as capturas, e constitúe un atentado contra a economía galega e lucense”, e explicou que Galiza sempre sae perdendo en cada negociación que se toma a nivel europeo, posto que igual que ocorreu con outros sectores, non ten ninguén que defenda os seus intereses directamente, como teñen outros países. Veiga remarcou que a problemática da redución de cota para a Mariña é gravísima, xa que “mantén a campaña en un único mes”, e “vai máis aló do que é a parte da captura e afecta tamén á industria transformadora, xa que 3 ou 4 grandes pesqueirías estan dedicadas moi especificamente á transformación da cabala, o que pode repercutir en arredor de 200 empregos, entre directos e indirectos”.
A moción aprobada recollía outras reivindicacións como que a Xunta de Galiza defina dunha estratexia negociadora para o presente ano 2011, mais tamén de cara ao Consello de Ministros de Pesca de decembro (que fixará TAC’s e cotas para o 2012), que inclua a presenza directa de Galiza nas reunións do Consello de Ministros da UE, así como nas reunións previas e preparatorias. Nese proceso o Goberno galego manterá interlocución e consulta permanente co sector (organizacións empresariais e sindicais, confrarías e outras entidades) afectado. Complementando a estas medidas encamiñadas a que Galiza goce dun poder maior de decisión en todas as esferas, o BNG defende a transferencia á Galiza das competencias en materia de investigación oceanográfica, actualmente localizadas en Madrid.