Site icon Crónica3.com A Mariña

O Panificadora plantou cara ao líder, Cios Vigo FS, no seu feudo

Nota de prensa:
O Panificadora plantou cara ao líder, Cios Vigo FS, no seu feudo

Unha xornada máis faltoulles definición ás xogadoras de Martínez, que a pesar do claro 4-0 a favor do CIOS Vigo FS ao final dos corenta minutos, foron a ribadenses as que dispuxeron das mellores ocasións e ata de traer un resultado positivo á Mariña. O primeiro partido da segunda volta que enfrontaba as mariñás e as locais disputouse no pavillón Castelao Calvario de Vigo, polo cambio solicitado polas pontevedresas na primeira volta.

Ao CIOS só lle quedaba o tiro exterior ante unha ordenada defensa visitante. Un balón desviado logo de golpear nunha xogadora local e un esvarón da visitante Toñi castigaron o Panificadora co 2-0, co que se chegaba ao final da primeira metade. Anteriormente, Fátima dispuxo dunha clara ocasión enviando o balón ao lateral da rede logo de driblar a porteira local e poucos minutos despois, xa co 2-0, Eva e de novo Fátima tampouco conseguiron finalizar con acerto outra contra ben levada do equipo ribadense.

Sufría o CIOS vendo como as visitantes se achegaban con perigo á portería de Rocío e só a poucos minutos do final puideron acougar os seus nervios ao verse favorecidas co 3-0, logo de golpear o esférico sobre unha local en xogada a balón parado. Eran os mellores momentos do Panificadora, nos cales novamente Fátima e posteriormente Marta, en dúas ocasións, dispuñan de sendas oportunidades de perforar a meta local. Conseguiron o cuarto gol as viguesas noutra desafortunada xogada que María introduciu en propia porta.

Próxima xornada. O Panificadora deberá puntuar o vindeiro sábado (16.30 horas) no municipal de Asteriz ante o Castrelo de Miño para ter opcións a evitar o descenso directo.

Ficha técnica

Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Vanessa, Eva, Marta, María (pp) e Fátima, cinco inicial; tamén xogaron Toñi, Elvira, e Carla.

CIOS Vigo FS: Rocío, Raquel (1), Julia (1), María Jardón e Eva, no cinco inicial; tamén xogaron Sabela Maceda, Margarita (1), Luz, María Mayano, Sabela Valverde, Paula e Silvia.

Árbitros: Juan Manuel Méndez Vázquez e Verónica Vázquez Garrido (xuíz de mesa), da delegación de Vigo. Mostraron cartón amarelo a Marta, polo Panificadora.

Exit mobile version