Presentaron o plan estratéxico e a páxina web promocional que elaborou o Padroado de Turismo
Nota de prensa
RAQUEL ARIAS REIVINDICA O PADROADO DE TURISMO COMO UNHA FERRAMENTA AXEITADA PARA O INCREMENTO DA ACTIVIDADE DO SECTOR NA PROVINCIA
* A delegada territorial pediu a colaboración de todas as administracións neste ente para o desenvolvemento de proxectos de ámbito provincial
* O Padroado presentou hoxe o plan estratéxico e a nova páxina web que promocionará os atractivos da provincia
Lugo, 27 de xaneiro de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, instou a sumar esforzos en torno ao Padroado de Turismo de Lugo para impulsar o progreso do sector na provincia, e lembrou que a Xunta “a través da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, colabora neste proxecto dende a primeira proposta que recibimos”.
A delegada realizou estas declaracións no acto de presentación do plan estratéxico e a páxina web promocional que elaborou o Padroado de Turismo co financiamento da Xunta de Galicia, que achegou o 80% do investimento necesario, en concreto 35.400 euros.
Arias sinalou a necesidade de “buscar novos produtos turísticos” e afirmou que “o Padroado amósase como unha ferramenta axeitada para investigar, acordar e poñer en marcha entre todos unha oferta turística atractiva, global, diversificada e innovadora”. Por elo, insistiu na necesidade de contar coa colaboración de todas as administracións para, en torno ao Padroado, desenvolver proxectos de ámbito provincial.
A delegada sinalou que o plano estratéxico “resulta imprescindible para poder gabar o que estamos a facer ben e mellorar ou reorientar aquilo que non funciona” e a web é tanto ou máis indispensable “porque, como saben, hoxe en día o que non está na rede non existe”.
Ademais, considerou que “os investimentos que se fan nestas actuacións resultan socialmente rendibles dende o primeiro día”, e puxo como exemplo a seguir o traballo desenvolvido pola Xunta de Galicia durante o pasado ano Xacobeo, “que trouxo a Galicia máis de 9,2 millóns de visitantes e a Lugo, en concreto, case un 17% de viaxeiros máis que no ano 2009”.
Con todo, engadiu, “non nos podemos cruzar de brazos e esperar que isto siga medrando só, e menos na actual conxuntura económica”. Para elo, explicou, a Xunta está a acometer as actuacións previstas no Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013, que ten entre os seus obxectivos o de incrementar o peso do turismo no PIB galego.
A delegada sinalou a importancia da colaboración entre as administracións e o sector turístico galego, explicando que “ao igual que o plan estratéxico que hoxe presentamos nace do sector e recibe o apoio da Xunta, o Plan de Acción do Turismo de Galicia tamén conta co apoio do sector, sendo a primeira vez que se utiliza esta metodoloxía de participación colectiva por iniciativa da Secretaría Xeral de Turismo”.
A presentación do plan e da páxina web tivo lugar na Cámara de comercio, coa participación do seu presidente, Eduardo Núñez –que é así mesmo presidente executivo do Padroado-, e de Xulio Alvarez, alcalde de Quiroga e presidente do Padroado de Turismo