Nota de prensa
O Observatorio da Mariña pola Igualdade presenta “O DESEXO EN IMAXES: I CICLO DE CINEMA ERÓTICO DA MARIÑA”
“O desexo en imaxes: I ciclo de cinema erótico da Mariña”, organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, en colaboración co CENIMA e Radiofoz, ten como obxectivo aproximar as/os espectadores ás interpretacións cinematográficas acerca do erotismo e do sexo na gran pantalla, desde unha perspectiva de xénero. O ciclo de cine desenvolverase no salón de actos do CENIMA de Foz durante catro venres consecutivos de febreiro, a partir do próximo día 4, ás 20h. A entrada é gratuíta.
As sesións de “O desexo en imaxes, I ciclo de cinema erótico da Mariña” estarán guiadas por diferentes expertas do Observatorio da Mariña pola Igualdade, que seguirán unha metodoloxía participativa. Así, nas sesións farase unha breve aproximación ao erotismo no cine, repasando algunhas das súas etapas, estilos e directoras/es, para posteriormente pasar á proxección dunha película representativa de cada tema abordado. O programa é o seguinte:
* Venres 4 de febreiro: A década dourada, anos 70.
20:00-20:30. Presentación: Pequeno recorrido pola historia do cinema erótico ata chegar aos anos 70.
20:30: Proxección: Ultimo Tango en París. Bernardo Bertolucci. Francia/Italia
* Venres 11 de febreiro: As grandes proxeccións de Hollywood, anos 80/90.
20:00-20:30. Presentación: O cinema erótico na industria estadounidense.
20:30: Proxección: El cartero siempre llama dos veces. Bob Rafelson. EUA.
* Venres 18 de febreiro: O cine erótico e a literatura
20:00-20:30. Presentación: A relación entre o cinema e a literatura erótica.
20:30: Proxección: Damage/Herida. Louis Malle. Reino Unido/Francia.
* Venres 25 de febreiro: O cinema erótico xaponés
20:00-20:30 Presentación: O cinema erótico en Xapón.
20:30: Proxección: El imperio de los Sentidos. Nagisa Oshima. Xapón/Francia
Desde o Observatorio consideramos que desde unha perspectiva feminista, o erotismo é un paso importante na concienciación e superación das diferentes manifestacións da discriminación das mulleres. Deste xeito, o coñecemento do propio corpo e da sexualidade por parte das mulleres é un elemento fundamental para conseguir o cambio social que nos achegue a unha sociedade igualitaria e polo tanto mais xusta.
Por todo isto, a proposta do Observatorio de realizar un ciclo de cinema erótico vai mais aló da mera proxección e do intento de aproximación como espectadores/as a un tipo de cine; xa que con isto tamén tentamos acercar o erotismo e a carnalidade ás mulleres como un elemento seu, propio, que pode e debe manexar como persoa libre e suxeito completo da sociedade.